Novas

Sábado, 7 de abril de 2018

A voceira dos populares considera que o Concello debería acometer actuacións máis ambiciosas dirixidas, por exemplo, a anchear as rúas xa que na actualidade o rexedor socialista “só acomete obras superficiais, que se reducen a tapar buratos sen dar a resposta axeitada e acorde ás peticións e ás necesidades dos veciños”

O PP de Monforte pide ao alcalde a mellora íntegra das rúas nas que actúa para garantir a seguridade dos seus usuarios no lugar de limitarse “simplemente a botarlles unha capa de asfalto”

En concreto, Julia Rodríguez demándalle ao socialista que, ademais de mellorar o firme da rúa Zapardiel, realice as xestións oportunas para ampliar a plataforma desta vía nunha zona “que debido a súa estreiteza convértese nun punto moi perigoso para os peóns”

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, considera que o Concello debería realizar unha mellora máis ambiciosa das rúas da cidade coa finalidade principal de garantir a seguridade dos seus usuarios no lugar de limitarse “simplemente a botar sobre as vías unha capa de asfalto” .

É dicir, Julia Rodríguez defende que “reparar o estado deficiente que presenta a capa de alquitrán das rúas evidentemente é unha necesidade que en moitas ocasións xa foi trasladada a Pleno polo Grupo Popular, pero tamén se tornan urxentes outras actuacións como a de anchear as rúas”.

Neste senso, a voceira do Grupo Municipal do PP lembra que en diferentes ocasións “solicitamos que se renovasen as conducións, de ser necesario, á hora de realizar unha obra e agora facemos extensible esta petición tamén á urxencia de ampliar rúas e deixar tamén, por exemplo, feitas as preinstalacións para o soterramento doutros servizos”.

Rúa Zapardiel

Dun xeito máis preciso, dende o Grupo Municipal do PP demándanlle ao socialista que, ademais de mellorar o firme da rúa Zapardiel, se realicen as xestións oportunas para ampliar a plataforma desta vía nunha zona que “debido a súa estreiteza convértese nun punto moi perigoso para os peóns”.

Julia Rodríguez lembra que os populares xa manifestaron en máis ocasións a urxencia de actuar na rúa Zapardiel e, de feito, na sesión plenaria do mes de febreiro de 2017 pediron a humanización desta vía. “O firme da rúa Zapardiel presenta un estado considerable de abandono ao ser esquecido durante anos polos Gobernos locais”, critica a popular, quen expón que “ademais de actuar sobre o firme o alcalde tamén debería contactar cos propietarios de fincas limítrofes nun treito no que a calzada se estreitece de forma considerable”. Trátanse de fincas que se atopan valadas e “esta sería unha boa oportunidade non só para mellorar o firme senón tamén para anchear a rúa e renovar conducións”, consideran dende o PP.

Os populares defenden a importancia desta actuación “xa que estamos ante unha rúa que dá servizo a un amplo número de veciños, comunica co parque do Monte San Vicente, ademais de que se localiza preto dun instituto de secundaria e das súas instalacións deportivas”.

Outros casos

Julia Rodríguez precisa que esta “falta de interese do alcalde xa se amosou durante a actuación que acometeu o Concello na rúa Aceña Nova, onde a administración local botou unha capa de asfalto sen tan sequera contemplar a necesidade de tratar cos veciños a urxencia de anchear a entrada desta vía. Existe un terreo cuberto de maleza sobre o que se podería ampliar a plataforma e acometer deste xeito unha obra necesaria”.

Unha situación semellante deuse na rúa Cobas, onde o alcalde só “procedeu a un lavado de cara da vía ao pavimentala de xeito parcial deixando os laterais de terra, deste xeito non se deu unha verdadeira resposta aos problemas que presenta esta rúa para que quedase ben por un longo período de tempo”.

Polo tanto, o Grupo Municipal do PP considera que “é importante xestionar con eficiencia os fondos públicos e para iso deberían acometer á par as actuacións de mellora do firme xunto con outras obras necesarias nas rúas”. Por exemplo, os populares defenderon en varias ocasións a necesidade de aproveitar as obras en rúas para renovar conducións e redes de abastecemento e deste xeito “evitar que sucedan feitos como o sufrido na rúa Conde, onde houbo que levantar de novo a vía pese a ter sido recentemente renovada”.



Novas

Redes Sociais