Novas

Martes, 10 de abril de 2018

O Grupo Municipal Popular preguntará no Pleno polas causas que provocaron os últimos incidentes no transformador dos Chaos e en Piñeira

O PP lamenta que o Goberno local non execute as obras con rigor, o que está a producir numerosas avarías en diferentes puntos da cidade

Julia Rodríguez acusa ao alcalde de mirar para outro lado cando aumentan os problemas non só de subministro eléctrico, senón os relacionados coa rede de abastecemento de auga

Os populares poñen en dúbida a versión oficial ofrecida onte polo Concello sobre o incidente en Piñeira

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta que o Goberno local non execute as obras con rigor, nin as que lle corresponde acometer a eles nin as que contratan con empresas, o que está a producir numerosas avarías e incidentes en diferentes puntos da cidade.

Así, os veciños e veciñas dos Chaos, de Piñeira, ou os empresarios do polígono industrial do Reboredo están estes días sufrindo as consecuencias de diferentes avarías, algunhas delas relacionadas co subministro eléctrico, con ata dez horas sen servizo, e outras coa rede de abastecemento de auga, como a acontecida onte mesmo na parroquia de Piñeira.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, presentará unha pregunta ao vindeiro Pleno para coñecer as causas que provocaron o incidente no transformador dos Chaos para saber se tivo que ver co servizo de abastecemento, co saneamento ou coas conducións e se non podía terse evitado esta situación que trae consigo tantos problemas para os veciños e veciñas. Tanto é así que non só se viu afectado o subministro eléctrico, senón que, tal e como recollen os medios, incluso orixinou problemas nas conexións a Internet.

Tamén se interesarán polo acontecido en Piñeira, posto que os populares poñen en dúbida a versión oficial do Concello na que sosteñen que Aqualia revisaba unha tubaxe defectuosa, cando varios testemuñas presenciaron que o incidente tivo que ver coas obras que están a levar a cabo no paseo e non con actuacións de comprobación da rede.

Os populares critican que se arranxe por un lado e se rompa polo outro, polo que se interesarán polas causas das avarías que veñen de producirse nos últimos días, así como polas medidas que o Goberno local pensa tomar para evitar que este tipo de situacións se volvan producir.

O alcalde mira para outro lado

Pídenlle ao alcalde que deixe de poñerse de perfil e asuma as rendas da institución que preside. “Non pode dicir que nada é responsabilidade do Concello e mirar para outro lado cando ten Monforte levantado por avarías que non deixan de producirse”, replican. “E agora aos problemas da rede polos que non reclama á concesionaria súmanse ademais os accidentes”, censuran.

Novas

Redes Sociais