Novas

Venres, 13 de abril de 2018

Os populares denuncian que durante a Feira Medieval o Concello optase por contratar o servizo de ambulancias a unha firma de Santiago, polo que preguntarán no pleno se pediron presuposto e cal era a diferenza con respecto á empresa monfortina que presta o mesmo tipo de asistencia

O PP de Monforte critica que o alcalde dea prioridade á contratación de empresas foráneas en detrimento das locais

Julia Rodríguez lembra que o Grupo Popular levou en varias ocasións a Pleno iniciativas para que o Concello procure a contratación de empresas e profesionais monfortinos

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde da localidade, o socialista José Tomé, dea prioridade á contratación de empresas foráneas en detrimento das firmas locais. Os populares fan estas declaracións despois de coñecer que durante a última Feira Medieval o Concello optou por contratar o servizo de ambulancias a unha firma de Santiago, polo que preguntarán no Pleno se pediron presupostos e cal éra a diferenza con respecto á empresa monfortina que presta o mesmo tipo de asistencia.

O Grupo Municipal do Partido Popular levará unha pregunta a Pleno para que o alcalde dea explicacións sobre un feito que evidencia “unha clara falta de compromiso co tecido empresarial e de autónomos da localidade”. Os populares din que “non entendemos como un rexedor non é quen de chegar a un acordo coa empresa local para que fose a encargada de prestar a función sanitaria para a que debería ter sido requirida”.

Ademais, a voceira dos populares, Julia Rodríguez, lembra que non “estamos ante a primeira vez que se dá este tipo de situacións”. O Goberno local ten contratado xa noutras ocasións o servizo de ambulancias prestado por empresas de fóra para a cobertura sanitaria doutros eventos celebrados na cidade.

Ante este feito, a voceira dos populares considera que, na medida do posible, se debe evitar que sexan as empresas foráneas as que reciban recursos do Goberno local cando hai profesionais na cidade que poden asumir eses traballos, sempre, “claro está, garantindo os principios que debe rexer a contratación na administración pública”, precisa a popular.

Aposta polo tecido empresarial local

Julia Rodríguez defende que dende o Concello se debe evidenciar e, polo tanto, facer efectiva unha clara aposta polo tecido empresarial local de tal modo que “reclamamos que se invite e se procure contratar a empresas e profesionais monfortinos”.

O Grupo Municipal do Partido Popular levou en reiteradas ocasións á sesión plenaria iniciativas que buscaban o apoio por parte do Concello ás empresas e iniciativas de Monforte. Neste senso, os populares mesmo propuxeron a creación dun rexistro de empresas locais no que puidesen anotarse os profesionais monfortinos aos que o Concello debería avisar de cada novo proceso de contratación que se iniciase e lles puidese interesar.

Polo tanto, os populares lamentan que, ao igual que se deu no anterior mandato cun Goberno nacionalista no Concello de Monforte, o actual executivo de novo continúa a dar mostra de exemplos nos que se antepón a contratación de empresas de fóra de Monforte no lugar de chegar a un acordo coas empresas locais.



Novas

Redes Sociais