Novas

Luns, 27 de maio de 2013

Julia Rodríguez explica que o Concello moveuse en prazos límite, pese ás advertencias dos populares e da propia Confederación Hidrográfica

O PP desvela que o alcalde desatendeu un requerimento da Confederación Hidrográfica no que se lle pedía iniciar a información pública das expropiacións do Cabe antes do 1 de marzo

Os populares votarán a favor dos trámites pendentes para executar a obra do paseo ata Piñeira, non sen denunciar "a falta de dilixencia e a nula xestión" do alcalde en todo o proceso

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, desvelou no Pleno celebrado este luns a existencia dun requerimento asinado polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, no que se instaba ao alcalde de Monforte a realizar as expropiacións necesarias para acometer a obra do paseo do Cabo entendendo que "en calquera caso, a información pública debería comezar antes do 1 de marzo de 2013". Ademais deste requerimento, o Grupo Municipal do PP de Monforte tivo acceso a outro documento emitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil con data de 2 de maio no que se lle replica ao alcalde que, para concluír a tramitación do convenio entre as tres partes, Confederación, Deputación e Concello, como xa fora solicitado, " se remita acordo do órgano municipal competente relativo á participación desa Corporación Local na formalización do mesmo". No escrito recórdase que con data de 5 de febreiro se remitiu o proxecto de convenio e ao non recibir resposta, "reitérase a solicitude e remítese novamente copia do texto".

A portavoz do PP considera que ambos os requerimentos deixan á vista, "unha vez máis", a escasa dilixencia que o alcalde nacionalista vén demostrando "cunha obra de vital importancia para a cidade do Cabe". A este feito, os populares suman ademais a particularidade de que o Concello depreciou o valor dos terreos a expropiar, pese a que o informe municipal contempla máis superficie. Como puido saber o PP, os bens privados valorados polo Concello coinciden case integramente cos valorados pola Confederación, de maneira que a única diferenza reside no prezo, que o Goberno local estipulou en dous euros por metro cadrado, unha valoración que pode crear controversia entre os propietarios.

A favor de que se execute a obra

Julia Rodríguez explica que votarán a favor dos trámites pendentes para executar a obra do Cabo, aínda que denuncian que en todo o proceso o Concello moveuse en prazos límite mostrando "falta de dilixencia e unha nula xestión", pese ás advertencias dos populares e da propia Confederación Hidrográfica.

A popular recorda ademais que foi o seu grupo en outubro do ano 2012 o que advertiu á administración provincial e á local do perigo de perder os fondos europeos para o paseo do Cabo se non se daba conformidade aos termos do convenio. "Naquel momento a Deputación tramitou a conformidade de urxencia e o Goberno local fíxoo mediante un correo electrónico, conformidade que foi cuestionada porque meses despois aínda non fora revisada polo secretario municipal".

"O rexedor esqueceuse ademais de que había que habilitar dotación para as expropiacións, un aspecto que tamén o PP tivo que denunciar para que se axilizase", explica a portavoz. De feito, os nacionalistas non incluíron esta partida nos Orzamentos de 2013, o que motivou unha nova intervención de urxencia do organismo provincial.

Novas

Redes Sociais