Novas

Luns, 17 de abril de 2018

Os populares denuncian unha nova avaría hoxe mesmo na Rúa Lois Pereiro, o que está provocando numerosas incidencias na zona desde primeiras horas da mañá

O PP pídelle ao alcalde que lle reclame a Aqualia a renovación das conducións deterioradas “tras a sucesión de avarías que estamos a padecer”

Julia Rodríguez critica que o Goberno local teña a rede como un queixo gruyere, cheo de buratos nas conducións, e non faga nada por solucionalo máis que poñer parches

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao alcalde que “coa maior celeridade” lle reclame á empresa concesionaria do servizo da auga, Aqualia, a renovación das conducións deterioradas “tras a sucesión de avarías que estamos a padecer”.

Tanto é así, que ás acontecidas nos últimos días súmase hoxe unha nova avaría na Rúa Lois Pereiro, o que está a provocar numerosas incidencias na zona desde primeira hora da mañá. “Os veciños e veciñas puideron ver correr a auga polas beirarrúas desde as sete da mañá”, explican os populares.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, precisa que a sucesión de avarías na rede de auga revela que as conducións están deterioradas e é preciso renovalas “coa maior urxencia posible”. “O alcalde ten a rede como un queixo gruyere, cheo de buratos nas conducións, e non fai nada por solucionalo máis que poñer parches”, critica.

O Grupo Municipal do PP lamenta esta sucesión de avarías, o que está a afectar cada día a máis zonas da cidade polo mal estado no que están as conducións. A única solución, abundan, é que a concesionaria se ocupe de renovar as conducións tal e como fixa o seu contrato para poder así poñerlle solución ao problema “dunha vez por todas”.

Peticións ao Concello

O PP vén de rexistrar un escrito no que lle pide ao Concello copia do informe do estado das conducións de auga que veñen provocando ultimamente unha sucesión de avarías na contorna das Rúas Sarria, Escultor Francisco Moure, Conde e Lois Pereiro, elaborado pola concesionaria Aqualia e pola propia técnica de Servizos do Concello. Tamén solicitan copia do expediente de reclamación de custos á entidade Aqualia sobre a obra de renovación das conducións de abastecemento na Rúa Corredoira.

Novas

Redes Sociais