Novas

Mércores, 18 de abril de 2018

Os populares denuncian que o estado que presenta está vía de titularidade da Deputación de Lugo é deplorable e constitúe un risco para a seguridade cidadá

O PP de Monforte pregunta polas xestións emprendidas dende o Concello para o arranxo da estrada provincial de Vilamarín a Rozavales

Julia Rodríguez critica que, pese ás peticións trasladadas, a día de hoxe non se actuase sobre unha infraestrutura viaria que dá servizo a un importante número de veciños

O Grupo Municipal do PP de Monforte preguntará no vindeiro Pleno ao alcalde polas xestións que se emprenderon dende o Goberno local para darlle unha solución ao estado deplorable que presenta a estrada de titularidade provincial LU-P-3203 no treito que comunica Vilamarín e Rozavales.

Os populares, que visitaron a parroquia de Santa María de Rozavales, comprobaron de novo a situación que ofrece esta infraestrutura viaria que dá servizo a un importante número de veciños da zona. “O seu asfalto presenta un desgaste considerable coa presenza de continuados buracos e afondamentos que urxen dunha actuación inmediata por parte da administración responsable”, reclama a voceira do Partido Popular local, Julia Rodríguez.

Julia Rodríguez explica que dende o Grupo Municipal Popular se ten trasladado ao Concello as reivindicacións dos veciños que reclaman “maior atención por parte da Deputación e da administración local para que cumpran coas súas competencias e manteñan esta vía nas condicións necesarias”.

Pese ás peticións dos veciños e do Grupo do PP, aos populares cónstalles que no plan de actuación de estradas aprobado polo organismo provincial non se proxecta unha intervención neste treito entre Vilamarín e Rozavales, polo que “queremos coñecer, en primeiro lugar, qué xestión fixo o Concello coa Deputación para que esta necesidade sexa atendida e, en segundo lugar, pediremos ao alcalde que tamén dea conta das previsións da Deputación en relación a esta infraestrutura”.

Risco para a seguridade viaria

A voceira dos populares reivindica que os veciños teñen o dereito de contar cuns servizos mínimos e, entre eles, atópase a necesidade de dispoñer dunhas vías de comunicación en condicións xa que o estado actual do firme da LU-P-3203 “entraña un elevado risco para a seguridade viaria”.

Dende o Grupo Municipal Popular consideran un “atrevemento” que o alcalde estea a presumir dunha boa xestión no eido das infraestruturas viarias cando “nin é quen de actuar de xeito íntegro nas estradas da súa titularidade, nin tan sequera é capaz de realizar con éxito as comunicacións oportunas con outras administracións para que os veciños reciban unha resposta en positivo e inmediata”.

Ante esta situación, os populares invitan ao alcalde a que “non só se fixe noutras institucións, das que si reclama actuacións e sobre as que realiza declaracións críticas” e pídenlle “que amose esa mesma actitude nas zonas onde ten competencia ou nas que podería interceder de xeito máis directo, xa que as deputacións son os entes máis próximos aos concellos”.

Novas

Redes Sociais