Novas

Venres, 20 de abril de 2018

Os populares lamentan que os remanentes de tesourería non se destinen a proxectos pendentes e necesarios, como o saneamento de Calvos, o Camiño de Inverno o a praia fluvial, entre outros

O PP nega que o alcalde estea facendo unha boa xestión económica, senón que asegura que o que fixo foi incrementar a presión fiscal sobre os monfortinos

Julia Rodríguez recorda que o rexedor se negou a baixar a taxa do imposto do IBI, algo polo que non debera sacar peito

O Grupo Municipal do PP de Monforte non está de acordo coa versión ofrecida polo rexedor en relación coa rebaixa da débeda do Concello. Así, os populares consideran que non se trata de que o alcalde estea a facer unha boa xestión económica, senón que aseguran que o que fixo o rexedor foi “incrementar a presión fiscal sobre os monfortinos a través de impostos directos, taxas e prezos públicos”.

Así, os populares corrixen ao rexedor cando di que desde o ano 2014 ao 2017 baixou a débeda en 200.000 euros. “Isto non é certo, explican, posto que o que fixo foi incrementala a través doutras operacións de crédito, como a última rubricada cos Orzamentos de 270.000 euros”.

O que hai que preguntarse, abunda a voceira do PP, Julia Rodríguez, é por qué ten tanto remanente, de 2 millóns de euros en 2014 a 7 millóns de euros no 2017. “E a resposta é clara, precisa, non é pola súa xestión, posto que non baixou o gasto corrente, como pode verse na evolución nos Orzamentos, senón porque aumentou a presión fiscal sobre os veciños e veciñas”.

Negouse a baixar o IBI

Os populares poñen varios exemplos deste incremento, entre eles a suba do IBI, pese a que o Grupo Provincial do PP pediu en reiteradas ocasións que baixara o tipo de interese. Isto revela que non tivo a vontade de baixar a presión fiscal. A maiores, tampouco se tomaron outro tipo de medidas para bonificar iniciativas empresariais ou impostos, engaden.

“O que fai non ten nada que ver cunha boa xestión económica, senón con subirlles os impostos aos veciños e veciñas, algo do que non debera sacar peito”. Tanto é así, apuntan, que existen reclamacións a persoas que superan os 3.000 euros de atrasos derivados da revisión dos valores catastrais.

Obras necesarias que se nega a facer

“O Concello aumentou a recadación por esta vía, ao tempo que cursou novas operacións de crédito, polo que nós non vemos esa boa xestión da que fala o alcalde, senón unha maior presión fiscal para os monfortinos, mentres hai obras e proxectos que, sendo financeiramente sostibles, tampouco se fan”, incide.

“Entre elas, citou, o saneamento de Calvos, que podería abordar co remanente de tesourería e se nega a facer, así como actuacións urxentes que tería que acometer o Concello sobre a muralla, para o Camiño de Inverno ou para a praia fluvial, entre outras, pero el prefire seguir recadando máis e non atender as necesidades dos veciños e veciñas na nosa cidade”, conclúe.

Novas

Redes Sociais