Novas

Martes, 24 de abril de 2018

Os populares presentaron un rogo para que o Goberno local non “obvie a súa obriga e responsabilidade” de garantir a seguridade das persoas e de evitar danos

O Grupo Municipal do PP pide ao Concello que adopte as medidas necesarias dirixidas a derrubar a vivenda de Reigada dado o estado ruinoso que presenta e o risco que supón para os cidadáns

Julia Rodríguez explica que a casa sitúase no Camiño de Inverno por onde non só transitan os veciños, senón tamén os peregrinos que se aproximan á vivenda “sendo descoñecedores do grave risco que representa”

O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de rexistrar un rogo dirixido ao alcalde a través do que pide a intervención do Concello, en cumprimento do seu deber, para que execute subsidiariamente as medidas necesarias para a demolición e o derribo dunha vivenda situada en Reigada, repercutindo os custos á propiedade, dado o estado ruinoso que presenta e o risco que entraña para os cidadáns.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, comprobou a situación de risco que esta edificación, situada no número 26, representa para os usuarios e veciños que transiten pola zona. “A cuberta veuse abaixo na súa maior parte e unicamente permanece a fachada principal, que, dado o estado que ofrece, en calquera momento pode caer, xunto co resto da cuberta, sobre a vía que lle dá entrada”, describe.

Julia Rodríguez tamén informa de que a citada edificación sitúase no trazado do Camiño de Inverno, polo tanto, aséntase nun lugar polo que ademais de pasar os veciños tamén se aproximan peregrinos que “son descoñecedores do risco que entraña esta vivenda”.

Dous anos sen adoptar as medidas oportunas

Neste senso, a voceira do Grupo Municipal do PP lembra que en marzo do ano 2016, a Asociación de Veciños de Reigada presentou un escrito no Concello de Monforte a través do que solicitaba ao Goberno local que requirira aos propietarios da vivenda o derrubamento do edificio ou que fixesen os arranxos necesarios. “A día de hoxe e dous anos despois, dende o Concello non se ten materializado ningunha actuación que permita asegurar o inmoble”.

Dende o Grupo Municipal do PP explican que, segundo a súa información, o actual titular da vivenda é o Estado “a quen o Concello ten solicitado una actuación” pero, segundo precisa Julia Rodríguez, “non se pode obviar a obriga e a responsabilidade que lle corresponde ao Concello, que debe adoptar as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas e evitar danos, no caso de que as vivendas ameacen ruína, procedendo á execución subsidiaria, ante a inacción da propiedade”.

Novas

Redes Sociais