Novas

Mércores, 25 abril de 2018

Os populares analizan que o incremento na contía que agora o alcalde reclama a Aqualia evidencia “claramente” que o “rexedor actuou en defensa dos intereses da empresa traendo a Pleno un primeiro acordo prexudicial para os veciños”

O PP de Monforte considera “graves” os feitos derivados do requirimento municipal a Aqualia xa que demostran “de novo a complicidade e connivencia existente entre o alcalde e a empresa”

Julia Rodríguez defende que o rexedor segue a antepoñer os intereses de Aqualia xa que non está a facer nada para reclamarlle á concesionaria o custo de obras que asumiu o Concello e debera sufragar a empresa tal e como establece o contrato

O Grupo Municipal do Partido Popular considera “graves” os diferentes feitos que se están a dar ao redor da relación contractual existente entre o Concello e Aqualia e derivados das débedas que ten contraídas a concesionaria do Servizo de Augas coa administración local. Segundo a voceira, Julia Rodríguez, o último requirimento municipal “revela de novo a complicidade e connivencia existente entre o rexedor e a concesionaria e danos a razón ao Partido Popular dado que os acordos que propón o alcalde só benefician a Aqualia pero non ao Concello”

Julia Rodríguez lamenta “estar ante un teatrillo prexudicial para o Concello e para os veciños, o que nos leva a non confiar no alcalde”. A popular fai referencia aos feitos e explica que “primeiro o alcalde acusou ao PP de prexudicar ao Concello cando nos opuxemos a aprobar o acordo que propuxo no seu día o rexedor de computarlle a Aqualia só unha débeda de 1,6 millóns de euros. Levamos anos pedindo que se cuantifique o importe que a empresa debe ao Concello, incluídos os intereses, ao que o Goberno local sempre se negou acusándonos mesmo de mentir pero, agora, sen que nada cambiase, o propio alcalde formula unha nova reclamación cuantificada non só en 1,6 millóns, senón en 3,5 millóns”. Polo tanto, a nova proposta do rexedor “demostra con claridade que o PP tiña a razón á hora de opoñerse ao primeiro acordo de 1,6 millóns, co que só se beneficiaba á empresa”.

Situación irregular

Para os populares dende o primeiro acordo proposto polo alcalde ata a data só cambiou a estratexia do rexedor xa que agora decidiu requirirlle á empresa a contía de 3,5 millóns pero “leva esta proposta á sesión plenaria, por ser competencia deste órgano a súa aprobación, unha vez que xa lle ten trasladado o requirimento a Aqualia, despois de acordalo en Xunta de Goberno, e tras que a empresa presentase alegacións ao respecto”. Julia Rodríguez tacha este procedemento de “irregular” e pregúntase pola nova estratexia do alcalde xa que todo parece indicar que a pretensión do rexedor é “a de facer as cousas mal para que despois a empresa teña motivos para opoñerse”. Unha situación que se repite, segundo a voceira, tal e como se deu no primeiro acordo “durante o que advertimos ao alcalde de estarse a cargar de informes que favorecían á empresa para xustificar a súa proposta e que agora mesmo están a ser empregados pola concesionaria en defensa dos seus intereses”.

A nova proposta beneficia á empresa

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular consideran que o novo requirimento formulado polo alcalde por importe de 3,5 millóns continúa a beneficiar á empresa xa que seguen sen cuantificar nin reclamar o custo de obras que asumiu o Concello e debería ter executado a empresa segundo establece o contrato.

Neste senso, os populares lembran que existe un acordo plenario do 4 de abril de 2016 para que o equipo de Goberno repercuta o importe das obras de renovación das conducións de augas nas rúas Corredoira, José Garabantes e Hermanos Dapena á empresa concesionaria do abastecemento e saneamento. “Durante estes dous anos quedou demostrado que non hai vontade por parte do alcalde de reclamar á empresa que asuma o custo desta obra ou doutras obras que Aqualia debería ter sufragado e non o fixo”, lamenta a voceira popular, quen engade exemplos como “a falta de esixencia do alcalde á hora de renovar toda a tubaxe xeral da rúa Conde, xa que se limitan a levantar o firme onde rompe a instalación, incluso na zona nova da rúa, pero sen esixir unha renovación íntegra de toda a tubaxe dado o seu mal estado”.

Por último, en relación á falta de vontade do alcalde á hora de reclamarlle a Aqualia obras que pagaron os veciños e que debería ter asumido a concesionaria, Julia Rodríguez engade, en referencia aos datos da obra nas rúas Corredoira, José Garabantes e Hermanos Dapena, que a empresa nas súas alegacións cita o acordo do 27 de xullo de 2015, no que se aprobou, só cos votos do equipo de Goberno, a modificación de crédito para que o Concello asumise este obra. Tras isto, dende o Concello remitiuse o acordo do Pleno de abril de 2016 uns días despois da celebración da sesión plenaria na que se aproba reclamar o importe das obras, presentando de novo alegacións a empresa o 29 de abril de 2016. Dende aquela emitiuse un informe da técnica o 27 de novembro de 2017 “pasando dous anos dende que se transmitise o acordo á concesionaria sen que se fixese nada para reclamar o custo das referidas actuacións”.

Novas

Redes Sociais