Novas

Xoves, 26 abril de 2018

Os populares lamentan a negativa do alcalde a atender a súa petición para que as intervencións no Pleno se reduzan significativamente e así poder abordar todos os asuntos que figuran na orde do día

O PP de Monforte acusa ao alcalde de pretender limitar unha vez máis o labor da oposición nos plenos

Julia Rodríguez considera que o rexedor pretende “recortar os nosos dereitos” e que a voz dos veciños e veciñas non sexa escoitada nas sesións plenarias

O Grupo Municipal do Partido Popular acusa ao alcalde de pretender limitar unha vez máis a labor da oposición. Así o pon de manifesto o feito de que hoxe o rexedor non quixera atender a proposta do PP en relación cos plenos que a voceira Julia Rodríguez expuxo na comisión de réxime interior que se celebrou esta mesma mañá.

“Propoñemos solucións e o único que nos atopamos é a un rexedor que pretende recortar os nosos dereitos e que a voz dos veciños e veciñas non sexa escoitada no Pleno”, explica a voceira do PP.

15 minutos de aforro por moción

Así, os populares propuxeron acurtar os tempos de intervención por cada moción, de xeito que pasen a ser de 6, 3 e 2 minutos a 4, 2 e 2 minutos. Deste xeito, aclaran, o tempo de debate por cada moción reduciríase moi significativamente ata os 32 minutos por iniciativa (agora son 47 minutos por moción).

O aforro, explican, permitiría debater todos os asuntos da orde do día sen ter que superar a media noite a maior parte das veces, posto que se aforran 15 minutos por iniciativa.

Necesidade dun regulamento de réxime interno

Os populares presentaron esta proposta hoxe ante a incapacidade do alcalde de redactar un regulamento de réxime interno que permita ordenar o funcionamento adecuado da corporación e o desenvolvemento dos plenos, e vendo a súa intención de limitalos ás doce da noite e a súa pretensión de reducir o número de mocións a tratar.

Coa proposta do PP aforraríase tempo por cada iniciativa, o que impediría ter que reducir o número de mocións. De tomar este tipo de medidas, precisan os populares, deberá telo feito cando en lugar de catro portavoces se pasou a ser cinco, coa crise do BNG.

Os populares lamentan que o rexedor non propoña solución algunha para favorecer o debate e darlle voz aos veciños e veciñas a través das mocións que presentan os grupos. Coma sempre, inciden, non busca o consenso, senón que trata de impor o seu criterio. Sendo así, desde o PP insistirán na necesidade de proverse dun regulamento de réxime interno.

Novas

Redes Sociais