Novas

Venres, 27 abril de 2018

Os populares e os veciños solicitaron ao alcalde en varias ocasións o ensanche da estrada, a súa dotación de sumidoiros e de instalacións necesarias para a recollida de augas, así como a mellora do seu firme delimitando con sinalización horizontal e pasos de peóns “pero o alcalde nin prestou o mínimo interese en considerar a proposta dos veciños nin a que resultou aprobada en Pleno”

O PP de Monforte lamenta que o alcalde desoíse as peticións dos veciños e dos populares para humanizar a Rúa Zapardiel e se limite a botarlle asfalto

Julia Rodríguez insiste en que a José Tomé “lle falta afán por mellorar verdadeiramente a cidade” e considera necesario “dar un paso máis alá e non quedarse simplemente en botar asfalto nas rúas”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte lamenta que o alcalde, o socialista José Tomé, optase unha vez máis por facer caso omiso ás peticións, non só do PP, senón tamén dos veciños que en varias ocasións lle solicitaron que levase a cabo as obras e xestións necesarias para humanizar a Rúa Zapardiel.

En concreto, os populares e os veciños consideraban necesario que o Concello negociase cos propietarios dos solares limítrofes a cesión ou adquisición de terreo para o seu ensanche, naqueles puntos nos que sexa posible. Demandaron ademais que se dote de sumidoiros e das instalacións necesarias para a recollida de augas, así como que se mellore o seu firme, delimitando con sinalización horizontal a zona de tránsito peonil, así como con pasos de peóns, -particularmente na saída do polideportivo e na confluencia coas rúas que a comunican coa Rúa San Pedro-.

Pese a existir un acordo plenario, unha nova moción que se debatería o luns e as peticións que lle fixeron chegar os veciños ao alcalde; dende o Goberno local limitáronse de novo esta mañá a asfaltar a estrada “sen pensar na realización dunha actuación íntegra sobre a vía”.

Os populares critican que ao alcalde socialista lle “falte afán por mellorar a cidade. Está claro que é necesario actuar no pavimento das rúas pero debese ir un paso máis alá e non quedarse simplemente en botar asfalto. Débense promover actuacións que impliquen unha mellora máis integral das rúas”.

Xestión dos populares

Os populares informan de que tiñan rexistrada unha moción para o Pleno do vindeiro luns na que instaban ao equipo de Goberno a levar a cabo as obras e xestións necesarias para humanizar a Rúa Zapardiel pero o alcalde “decidiu botarlle esta mañá só asfalto”.

Os populares fixeron esta nova petición despois de que no pleno do pasado mes de febreiro o Grupo Municipal do Partido Popular elevara unha proposta á Corporación na que se instaba ao equipo de goberno a acometer unha serie de actuacións en distintos viais da cidade. Entre esas actuacións, xa se interesaba a humanización da Rúa Zapardiel. A proposta, recordan, foi aprobada por 10 votos a favor e as 6 abstencións do equipo de Goberno.

Os populares rexistraron esta nova moción despois de que o alcalde tivese relacionado unha serie de rúas nas que vai actuar mellorando o firme. “Entre esas rúas está a Rúa Zapardiel, e todo parecía indicar que non ía dar cumprimento ao acordo plenario no que se interesaba a súa humanización, senón que se limitaría, tal e como se comprobou esta mañá, a mellorar o seu firme, polo que consideraron necesario insistir na petición”.

Deste xeito, Julia Rodríguez lamenta que o alcalde non só estea a desoír a petición do pleno senón que “tamén fixo caso omiso aos veciños”. Julia Rodríguez explica que ao seu Grupo lle consta que os veciños mantiveron contacto co alcalde para facerlle chegar esta petición de mellora na rúa Zapardiel xa fai meses e que volveron a trasladarlla de novo onte pero “o alcalde non mostrou nin o máis mínimo interese en considerar esta proposta”.

Unha rúa moi concorrida

A voceira do PP explica que a diario transitan por esta Rúa, ademais dos seus residentes, moitos vehículos que dende a Rúa Doutor Casares se dirixen á Rúa Calvo Sotelo e queren evitar os semáforos existentes en ambas, así como os pais que deixan ou recollen aos seus fillos no polideportivo do IES Río Cabe.

Tamén transitan por esta rúa moitos peóns, os propios residentes, os rapaces do IES Río Cabe, os usuarios do polideportivo, as persoas que se dirixen ao parque do monte de San Vicente, ou aquelas que dende a Rúa Calvo Sotelo se dirixen á Rúa Doutor Casares e viceversa e queren atallar evitando dar a volta por San Pedro.

Tendo en conta o anterior, consideran que é evidente que a Rúa Zapardiel é unha rúa moi transitada, tanto por vehículos como por peóns. “A pesar disto, a rúa é moi estreita nalgúns puntos, o que facía que fose conveniente ensanchala no posible para dotala dunha maior seguridade vial para os seus usuarios”, precisan.

“O interese desta rúa e a necesidade de ensanchala e mesmo de dotala de sumidoiros para a recollida de augas pluviais, foi o que levou ao Grupo Popular a non limitarse a interesarse soamente pola mellora do seu firme, senón a pedir a súa humanización”, apunta a voceira do PP.



Novas

Redes Sociais