Novas

Sábado, 28 de abril de 2018

A mesma petición será obxecto dunha proposición non de lei no Parlamento Galego, que será debatida o vindeiro día 3 de maio

O PP de Monforte pedirá que o Pleno lle demande ao Adif que priorice a eliminación dos pasos a nivel existentes na cidade

Julia Rodríguez demanda que, mentres estes pasos non sexan eliminados, se reforcen os sistemas de seguridade de que están dotados, coa finalidade de garantir a seguridade do tránsito viario, ferroviario e mesmo peonil

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que insta ao equipo de goberno a demandar ao Goberno do Estado que o Adif priorice a eliminación dos pasos a nivel existentes na cidade de Monforte, no conxunto dos que se ten previsto eliminar nos próximos anos.

Demandan ademais que en tanto estes pasos non sexan eliminados, se reforcen os sistemas de seguridade de que están dotados, especialmente naqueles que contan cun maior tránsito de vehículos e persoas, -como é o paso a nivel da Florida-, coa finalidade de garantir a seguridade do tránsito viario, ferroviario e mesmo peonil. A mesma petición será obxecto dunha proposición non de lei no Parlamento Galego, que será debatida o vindeiro día 3 de maio.

Mellorar a seguridade dos cidadáns

Os populares explican que o número de pasos a nivel existentes hai 40 anos foise reducindo de modo notable ademais de ir implantándose medidas de seguridade naqueles que seguen en servizo, especialmente, nos últimos anos. “Aínda así, son moitos os pasos a nivel que permanecen en servizo, sendo necesario seguir eliminándoos, non só para gañar en tempo de viaxe e comodidade, sobre todo, para mellorar a seguridade dos cidadáns”, explican.

Monforte é unha das localidades que conta cun importante número de pasos a nivel, -8 concretamente- nos cerca de 6 km de vías que percorren o Concello e 6 deses pasos atópanse na propia trama urbana.

A cidade conta cun longo historial de accidentes e vidas truncadas o longo dos anos nos seus pasos a nivel. Os episodios mais recentes, producíronse o pasado mes de decembro, no que unha muller perdeu a vida no paso a nivel da Florida, e a principios deste mes de abril, no que outro accidente, nese mesmo paso, case lle costa a vida a outro veciño do barrio.

Recordan que o Adif ten anunciado a súa intención de suprimir nos próximos anos, 30 pasos a nivel na liña entre Monforte e Lugo e seis na liña entre Monforte e Ourense. Cinco de eses pasos a nivel sitúanse na propia cidade de Monforte.

Novas

Redes Sociais