Novas

Luns, 30 de abril de 2018

Os populares, que xa se referiron en varias ocasións á necesidade de que se realizase esta actuación con cargo ao Plan de Cooperación local sen ter unha resposta en positivo, solicitan a través dunha moción que dende o Concello ofrezan este servizo aos veciños facendo uso dos remanentes de tesourería dos que “tanto presume o rexedor”

O Grupo Municipal do PP insta ao Concello a que dote ao lugar de Calvos dun axeitado sistema de saneamento e recollida de augas pluviais

Julia Rodríguez lamenta a discriminación que están a sufrir os veciños deste lugar da parroquia de Santa Mariña, cuxas reclamacións están a ser desatendidas dende o Goberno local pese a que “solicitan un servizo mínimo esixible no século XXI”

O Grupo Municipal do PP de Monforte rexistrou unha moción que se debaterá no Pleno deste mes de abril, que se celebrará hoxe, a través da que insta ao Goberno local que dirixe José Tomé a levar a cabo as obras necesarias para dotar ao lugar de Calvos, na parroquia de Santa Mariña, dun axeitado sistema de saneamento e recollida de augas pluviais.

A voceira dos populares locais, Julia Rodríguez, explica que dende o Grupo Municipal do PP “xa nos referimos en varias ocasións á necesidade de que se realizase esta actuación con cargo ao Plan de Cooperación local”. “Ata a data o acometido desta obra no lugar de Calvos foi rexeitado polo alcalde pese a tratarse dunha demanda dos veciños, cuxa atención é imprescindible para que os afectados conten cos mínimos servizos esixibles en pleno século XXI”, consideran dende o PP.

Julia Rodríguez lembra que esta situación deriva da mala xestión do anterior equipo de Goberno, mentres o actual executivo ignora darlle unha solución. Fai anos, os veciños de Calvos, co BNG no Concello, sufriron “unha manifesta discriminación” ao ver como se acometían as obras para a instalación do saneamento na parroquia de Santa Mariña “quedando excluídas desta actuación as vivendas de Calvos”.

A este respecto, a popular precisa que o lugar de Calvos “é un dos núcleos orixinarios da parroquia, que conta cunha orografía que fai que as vivendas se sitúen nun plano descendente, de maneira que a ausencia de saneamento e dun axeitado sistema de recollida de augas pluviais, ocasiona que as augas vertan dunhas vivendas cara outras e mesmo os residuos chegan a filtrarse e producir cheiros especialmente en época estival”.

Os populares teñen proposto que se acometera esta actuación con cargo ao Plan de Cooperación Local sendo desatendida esta necesidade por parte do Goberno local e, agora, “insistimos en que esta é unha das obras á que se podería facer fronte cos remanentes de tesourería por tratarse dun investimento financeiramente sostible e dos incluídos no RD-I 1/2018”.

“O alcalde presume de que vai deixar débeda cero e que amortizará os créditos contratados co remanente de tesourería e nós pedímoslle que atenda con estes fondos tamén ás necesidades básicas dos veciños”, precisa a popular.



Novas

Redes Sociais