Novas

Sábado, 5 de outubro de 2013

O Grupo Municipal do PP recorda que lle corresponde ao Goberno local a ordenación do tráfico de vehículos e persoas nas vías públicas, a súa pavimentación, así como a seguridade neses lugares

O PP esíxelle ao Concello a sinalización, valado e aseguramento das beirarrúas da Rúa Corredoira para evitar riscos para os viandantes

Os populares solicitan ademais que se habilite unha zona de paso segura a ambas as marxes da vía, xa que actualmente os peóns teñen que invadir a calzada para transitar

Tamén reclaman beirarrúas e aparcamentos na zona para garantir o tránsito de peóns e vehículos en condicións de seguridade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que lle esixen ao Concello que adopte as medidas necesarias para a adecuada sinalización, valado e aseguramento da beirarrúa existente nas inmediacións da saída do parking de Mercadona. Os populares denuncian que esta parte da beirarrúa se atopa ocupada por numerosos raíles metálicos, polo que piden que se acometan medidas para evitar os riscos que representa para os cidadáns.

Os populares piden ademais que se habilite unha zona de paso segura a ambas as marxes da vía, para o tránsito dos peóns que teñen que invadir a calzada pola inexistencia ou obstrución da beirarrúa. Tamén reclaman que, previos os trámites oportunos, se proceda ao debido acondicionamento de beirarrúas e aparcamentos na zona para garantir o tránsito de peóns e vehículos en condicións de seguridade.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que realizan estas demandas logo de recibir numerosas queixas de veciños e usuarios da Rúa Corredoira en relación ao estado que presentan as beirarrúas no tramo que vai desde o cruzamento onde se atopa o Restaurante Carballo ata a Rolda de María Emilia Casas Baamonde.

Os populares explican que a beirarrúa ao lado esquerdo, que discorre paralela ao edificio do Mercadona, atópase interrompida por un cerramento metálico de obra que obriga aos peóns a transitar pola calzada, mentres que a parte da beirarrúa que queda fóra do cerramento conta cuns raíles metálicos que sobresaen ocupándoa en toda a súa anchura.

Caída de varios viandantes

Julia Rodríguez asegura que a presenza destes raíles ocasionou a caída de varios viandantes, unha delas en data recente, ocasionando ao peóns lesións de importante consideración.

Advirten ademais de que a presenza destes raíles non está sinalizada de ningún xeito, polo que a visibilidade na zona é moi escasa e en horario nocturno son case inapreciables. "Os viandantes teñen que invadir a zona de tránsito de vehículos para pasar o cerramento de obra antes sinalado, -ao non existir unha zona habilitada para ese efecto-, de maneira que ao volver á beirarrúa, é fácil non apreciar a presenza dos raíles", precisa a portavoz do PP.

Para rematar, indican que a beirarrúa ao lado dereito nese tramo só existe parcialmente nun tramo intermedio. A zona de aparcamento existente na parte máis baixa dese tramo obriga aos viandantes a circundar os coches estacionados, invadindo a zona de tránsito dos vehículos. Na parte máis alta, xa próxima ao cruzamento coa Rolda, a beirarrúa non ten continuidade, senón por un tramo terrizo, que obriga aos viandantes a invadir a calzada, que ademais carece de pintura delimitadora de arcén ou zona algunha habilitada para o paso de peóns, co risco que iso representa.

Competencia do Concello

Desde o PP sinalan que se trata dunha zona moi transitada, de maneira que o estado que presentan as beirarrúas a ambos os dous lados do tramo citado deixa á vista "unha deixadez das obrigas do Goberno local, así como un risco importante para os usuarios". Julia Rodríguez recorda que é obrigación do Concello a ordenación do tráfico de vehículos e persoas nas vías públicas, a pavimentación das vías públicas urbanas e a seguridade en lugares públicos. Así, corresponde ao Concello adoptar as medidas necesarias a fin de garantir a indemnidade dos usuarios en cumprimento das normas básicas de seguridade.

Novas

Redes Sociais