Novas

Xoves, 24 de maio de 2018

Os populares levan unha moción a Pleno a través da que defenden a necesidade de elaborar un novo texto, que conte co consenso dos hostaleiros e se ocupe tanto do que afecta á tramitación das licenzas como á posibilidade de establecer novas terrazas

O PP de Monforte pide unha revisión da ordenanza reguladora das terrazas para favorecer tanto a actividade hostaleira como a circulación de peóns en toda a cidade

A voceira do PP defende a necesidade de contar cun texto normativo no que tamén se inclúa a ordenanza que regula a instalación de terrazas, toldos, parasoles, celosías ou biombos en zonas de interese turístico

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte levará ao Pleno do luns unha iniciativa a través da que solicita que o Goberno local modifique a actual Ordenanza Municipal Reguladora da Instalación de Terrazas, que data do ano 2010, e, deste xeito, elabore un novo texto, previo consenso cos hostaleiros, no que, entre outros aspectos, se mellore o procedemento de solicitude e prórroga das licencias, se redefinan os tipos de terrazas e se contemplen outras posibilidades de localización, distancias e dimensións, favorecendo ademais os espazos para a circulación dos peóns.

Trátase, segundo explican, de favorecer novas zonas de terraza, non só no centro histórico, senón en toda a cidade, para que aqueles negocios interesados poidan contar con novas fórmulas, tales como plataformas na calzada, como existen noutras localidades.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, explica que a actual ordenanza vixente presenta certos defectos, “tal e como nos teñen trasladado os propios hostaleiros”, o que motiva unha necesaria revisión do texto cunha dobre finalidade. Por un lado, a de “favorecer a actividade económica dos establecementos monfortinos, dotándoos de mecanismos que favorezan a súa visibilidade e actividade, tamén en barrios e zonas menos céntricas e que deste xeito conten coa necesaria seguridade xurídica”. Por outra banda, a voceira tamén precisa que esta revisión debe servir para “definir e favorecer a circulacións dos peóns”.

Modificacións

Os populares entenden que no novo texto se debe favorecer a tramitación das licencias. É dicir, o procedemento que deben seguir os solicitantes debe sufrir modificacións para facilitar a xestións aos interesados. Neste ámbito da tramitación, dende o PP consideran que se debe consensuar cos hostaleiros a fórmula de tramitación, a vixencia das licencias, a súa prorrogabilidade, a periodicidade da comunicación de instalación, entre outros aspectos, na procura de mecanismos que lle faciliten ós hostaleiros a tramitación e lle dean a necesaria seguridade xurídica.

Ademais, para o Grupo Municipal do PP débense definir as posibilidades de instalación de terrazas en determinadas zonas, que actualmente non están previstas. Deste xeito, defenden que é necesario establecer e definir diferentes modalidades de terraza, á vista das distintas circunstancias dos locais, de maneira que “poidamos diferenciar entre terrazas convencionais, terrazas convencionais ampliables ou terrazas con tarima”. Da mesma forma, engaden dende o PP, “compre reconsiderar as súas posibles localizacións, distancias e dimensións”.

Normativa no casco histórico

Os populares tamén precisan que o Concello conta cunha Ordenanza Municipal Reguladora da Instalación de Terrazas, Toldos, Parasoles, Celosías ou Biombos nas zonas de Interese Turístico, que se publicou no Boletín Oficial da Provincia en decembro de 2015. A este respecto, dende o Grupo Municipal do PP tamén piden na súa iniciativa que se aproveite a revisión da ordenanza do 2010 para incluír no texto esta normativa reguladora do 2015 e que afecta aos hostaleiros do casco histórico.

Novas

Redes Sociais