Novas

Sábado, 26 de maio de 2018

Os populares aseguran que o rexedor nunca tivo vontade real de reclamarlle á concesionaria da auga o que adebeda, como así demostra o vaivén de cifras que o socialista ten ofrecido nos acordos que tratou de pechar coa empresa

O PP de Monforte cre que o “baile de cifras” que propón o alcalde con respecto a Aqualia demostra que “non é de fiar”

Julia Rodríguez pedirá no Pleno do luns que se cumpra o contrato nos seus propios termos, posto que “non nos podemos fiar do alcalde, nin do seu baile de cifras, nin das súas propostas surrealistas”

O Grupo Municipal do PP de Monforte asegura que o baile de cifras que ten proposto o equipo de Goberno para chegar a un acordo coa empresa Aqualia demostra que o alcalde “non é de fiar” nin ten interese real en reclamarlle á concesionaria o que lle adebeda ao Concello.

Así, hai dous anos o rexedor propuxo un acordo con Aqualia no que sostiña que o Concello lle adebedaba 1,7 millóns de euros, o mesmo que a concesionaria ao Goberno local.

Agora sen embargo propón reclamarlle a Aqualia 3,5 millóns de euros e fixa en 477.971 euros o que se lle debe á concesionaria por non actualizar as tarifas. Este baile de cifras, explica a voceira do PP, Julia Rodríguez, demostra que o alcalde “non é de fiar e que nunca tivo vontade real de reclamarlle a Aqualia en serio, por iso nunca cumpriu as iniciativas que temos trasladado nin os acordos plenarios tomados a instancias do PP”.

A popular pregúntase, á vista das novas cifras que expón o Concello, como se explica o acordo que o alcalde propuña en 2016, qué intereses ocultos había daquela e cales hai agora para que siga sen querer cuantificar o resto dos incumprimentos da empresa.

Desde o PP pídenlle ao rexedor que explique por qué non quere sancionar a Aqualia. Todo o anterior revela, indican desde o PP, unha clara falta de vontade de Tomé de ir contra a empresa. Así, o Grupo Municipal Popular pedirá no vindeiro Pleno do luns que se cumpra o contrato nos seus propios termos, posto que “non nos podemos fiar do alcalde, nin do seu baile de cifras, nin das súas propostas surrealistas”.

Un acordo prexudicial para o Concello

Hai dous anos o secretario informou que o que había que pagarlle a Aqualia por non ter actualizado as tarifas ascendía a 1,7 millóns de euros. Agora informa de que lle corresponden 477.971 euros.

Se a isto se lle suma a diferenza entre o que entón dicía que se lle podía reclamar, 1,7 millóns de euros, e o que di agora, 3,5 millóns de euros, a diferenza é de 1,7 millóns de euros, que sumados ao anterior, prexudicaría ao Concello en case 3 millóns de euros.

Petición ao Pleno

Así, os populares veñen de presentar unha moción para debater no Pleno do luns na que piden que o Concello requira á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento para que cumpra o contrato ao que ven obrigada nos seus propios termos. Tamén demandan que se incoen os expedientes sancionadores que procedan, á vista da actitude incumpridora da concesionaria respecto das obrigas recollidas no contrato que a vincula.

Por último, reclaman que se determinen os efectos económicos de todos os incumprimentos da concesionaria, independentemente das melloras non executadas, así como a formular reclamación dos mesmos.

Novas

Redes Sociais