Novas

Martes, 29 de maio de 2018

Os populares preguntáronlle ao rexedor polos motivos que o están a levar a non realizar as xestións oportunas para poñer en funcionamento unha zona de baño pública e gratuíta pese a térselle solicitado en reiteradas ocasións dende o ano 2015

O PP de Monforte lamenta o desinterese do alcalde polas xestións para dotar á cidade dunha praia fluvial

A voceira do PP critica a falta de vontade do Goberno local para crear este espazo de baño, que o PP propón en Ribasaltas, ao tempo que censura que os socialistas teñan tamén abandonada esta área recreativa sen realizar as oportunas tarefas de mantemento, tal e como denuncian veciños e usuarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte interesouse no Pleno de onte polas xestións emprendidas dende o Goberno socialista para dotar á cidade dunha praia fluvial. En concreto, a través dunha pregunta plenaria, os populares querían coñecer os motivos que están a levar ao alcalde a non realizar as xestións oportunas para poñer en funcionamento unha zona de baño pública e gratuíta pese a térselle solicitado en reiteradas ocasións dende o ano 2015.

O alcalde limitouse a responder que “as circunstancias non variaron”.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, lembra que os populares levan anos solicitando información sobre as xestións realizadas para a dotación dunha praia fluvial, ao mesmo tempo que teñen presentado mocións ao respecto co único obxecto de que se leve a cabo unha zona de baño. En concreto, trasladouse este asunto a Pleno nos meses de xullo de 2015, 2016 e 2017 e “volvémonos a interesar por esta xestión na presente anualidade”.

“O tempo transcorrido demostra a falta de vontade do rexedor”, segundo considera Julia Rodríguez, xa que a pesar das reiteradas mocións e peticións “segue sen facerse nada para dotar á cidade dunha praia fluvial, que dende o PP propoñemos que se pode levar a cabo na área recreativa de Ribasaltas”. Neste eido, os populares denuncian que o Goberno local teña tamén completamente abandonado este enclave da área recreativa de Ribasaltas, sen realizar as actuacións necesarias de mantemento, tal e como denuncian tamén veciños e usuarios.

De igual modo, a voceira dos populares locais informa que de recentemente a Xunta de Galicia convocou as axudas para dotar e formar socorristas naqueles municipios que conten con praias marítimas ou fluviais e piscinas municipais. Ao Grupo Municipal do PP non lle consta que o Concello de Monforte teña tramitado algún tipo de solicitude ao respecto polo que “queda claro que este verán os monfortinos tampouco non poderemos desfrutar tampouco dunha praia fluvial, que precisaría de socorristas e que, polo tanto, representaría unha vía de contratación para mozos durante a época estival”, conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais