Novas

Mércores, 30 de maio de 2018

Os populares explican que os reparos do Servizo de Intervención motívanse en feitos como son a existencia de facturas aboadas que non se axustan a dereito, que carecen de contrato ou mesmo que non seguen o procedemento legal para a contratación

O PP de Monforte denuncia que o alcalde ordenase en 2017 o pago de máis dun millón de euros en facturas con reparos de Intervención

A voceira do PP tamén critica que o alcalde manteña contratos sen regularizar, algún mesmo desde o ano 2012, con empresas que prestan servizos municipais

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte denuncia que o alcalde da cidade, o socialista José Tomé, ordenase durante o ano 2017 o pago de máis dun millón de euros en facturas que contan con reparos dos Servizo de Intervención do Concello, entre outros motivos, porque non se axustan a dereito, carecen de contrato e mesmo non seguen o procedemento legal para a contratación.

Os populares critican de novo a existencia destes pagos, cuxa facturación está nunha situación incorrecta, como así demostran os reparos de Intervención que presentan, o que se pode comprobar ao estudar a Conta Xeral do Concello de Monforte do pasado exercicio económico.

O Grupo Municipal do Partido Popular xa denunciou con anterioridade e en numerosas ocasións, tanto durante o Goberno do nacionalista, Severino Rodríguez, como durante a xestión de José Tomé, a existencia de multitude de empresas e profesionais que prestan os seus servizos ao Concello en condicións de contratación irregulares, feito que motiva o reparo do Servizo de Intervención as súas facturas.

Falta de vontade

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, critica que mesmo a día de hoxe o alcalde socialista manteña contratos sen regularizar e mesmo algún se atopa nesta situación dende o ano 2012. “Esiximos ao Goberno local que regularizase os pagos e prórrogas de contratos de todas as empresas que prestan os seus servizos ao Concello; pero a realidade é que os reparos de Intervención seguen a expoñer a existencia de irregularidades”, reproban dende o PP. “En tres anos non tivo vontade para regularizar os contratos, como así recoñeceu no Pleno”, denuncia a popular.

A voceira mesmo lembra que cando o rexedor nacionalista, Severino Rodríguez, lle sacaba importancia a esta situación que se estaba a dar no Concello de Monforte no que se refire á contratación pública; José Tomé falaba de “irregularidades” que “el mesmo segue en moitos casos sen corrixir a día de hoxe”.

Os populares defenden a necesidade de que esta situación mellore e se regularicen os contratos e pagos posto que se están a vulnerar os principios de concorrencia e obxectividade tal e como rexe a contratación administrativa. Ademais, dende o Grupo Municipal do PP tamén se mostraron críticos en moitos ocasións ante o feito de que o alcalde dea prioridade á contratación de empresas foráneas en detrimento das locais. “É necesario apostar polo tecido empresarial local sempre, claro está, garantindo os principios que debe rexer a contratación na administración pública”, precisan.

Novas

Redes Sociais