Novas

Luns, 4 de xuño de 2018

Os populares censuran que o Goberno local non convidara á Asociación aos actos de recepción dos peregrinos xaponeses que tivo lugar o pasado sábado na cidade

O PP acusa ao alcalde de Monforte de “intentar apropiarse” do traballo feito pola Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

Julia Rodríguez denuncia ademais que o rexedor elixira percorrer un trazado polo que non pasa o Camiño de Inverno para evitar que viran o mal estado no que mantén os camiños

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao rexedor, o socialista José Tomé Roca, de “intentar apropiarse” do traballo feito ao longo de todo este tempo pola Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Así, os populares denuncian que o alcalde fixera esta fin de semana o percorrido cos camiñantes xaponeses, plantara as cerdeiras, puxera unha placa –nun sitio que ademais non está no trazado do Camiño de Inverno- e que non convidara a estes actos á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, lembra que o pasado ano o Señor Tomé se desprazou ata Sevilla ao acto promovido pola Asociación sobre o Camiño de Inverno co único propósito de saír na foto. “Agora ten o descaro de non convidalos a participar nesta recepción cando a Asociación leva feito de anfitrioa e atendendo peregrinos durante moitos anos no noso Concello, ademais de ser a verdadeira impulsora que traballou durante décadas para conseguir que o trazado do Camiño de Inverno fora oficial”.

Os populares consideran que este desprezo do alcalde á Asociación evidencia cal era a súa finalidade, “non só bloquear as súas iniciativas senón apropiarse do seu traballo”. Non así en localidades como Valdeorras, nos que si foron convidados.

O Grupo Municipal do PP recorda que primeiro os socialistas bloquearon o acceso da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra ao Hotel Comercio, onde podían ter prestado os seus servizos. “Tamén con esta acción se lles viu a intención, posto que o baixo segue pechado a cal e canto”. “E agora, engaden, teñen este novo desprezo ao non convidalos ao acto de recepcións dos peregrinos nipóns”.

Desvío do Camiño oficial para evitar o seu mal estado

Desde o PP censuran ademais o percorrido elixido polo alcalde para evitar as zonas do Camiño de Inverno que o Concello mantén en mal estado. “Ou o alcalde non sabe por onde vai o Camiño de Inverno ou desviou o percorrido da delegación xaponesa adrede para que non viran o mal estado no que ten os camiños”, explica a voceira do PP.

Novas

Redes Sociais