Novas

Martes, 5 de xuño de 2018

Os populares desvelan que o Goberno galego ofreceu hai xa varias semanas aos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago a súa colaboración para o mantemento e conservación dos itinerarios, un ofrecemento que o rexedor non contestou a pesar do mal estado no que mantén o Camiño de Inverno

O PP denuncia que o alcalde non pedira a colaboración da Xunta para a mellora dos treitos do Camiño de Inverno que discorren por Monforte

Julia Rodríguez lamenta que o rexedor “falte á verdade” nos medios de comunicación e cargue contra a Xunta cando foi el o que non respondeu a oferta feita desde Turismo de Galicia

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o alcalde non pedira a colaboración da Xunta para a mellora dos treitos do Camiño de Inverno que discorren por Monforte, pese ao mal estado que presentan e a tratarse dunha competencia municipal que desatende.

Así, os populares desvelan que o Goberno galego a través de Turismo de Galicia fíxolles hai varias semanas un ofrecemento a todos os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago para colaborar con eles, pese a ser competencia municipal, no mantemento e conservación dos diferentes itinerarios, entre eles o Camiño de Inverno.

Turismo de Galicia explica na súa comunicación aos alcaldes que, como apoio ás competencias municipais, ten licitado un contrato de mantemento integral e conservación nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, polo que roga que informen das incidencias que se produzan en cada Concello para lograr “que as rutas xacobeas se conserven no mellor estado posible ao servizo dos veciños e dos peregrinos”.

O alcalde de Monforte, á vista das declaracións feitas nos medios de comunicación e do que puido saber o PP, non ten respondido a este ofrecemento, senón que se conforma con manter a ruta en mal estado, criticar á Xunta cando é competencia do Concello e logo evita pasar por ela cando ten que facerse a foto, como así fixo o pasado sábado coa visita dos camiñantes xaponeses.

Desde o PP consideran “surrealista” que onte mesmo o Señor Tomé dixera nun medio de comunicación que o alcalde de Pantón se ofreceu a facerlle o favor de falar coa Xunta para que lle axudara, cando el mesmo tiña o ofrecemento de Turismo de Galicia enriba da mesa desde hai semanas e non contestou nin pediu a colaboración, pese a facerlle falta.

Nin asume as súas competencias nin pide axuda

A voceira do PP, Julia Rodríguez, lamenta que o rexedor “falte á verdade” nos medios de comunicación e diga que non conta con axuda da Xunta cando foi el o que non respondeu á oferta feita desde Turismo de Galicia, algo que si fixeron outros alcaldes da zona, como o de Pantón.

“A Xunta ofrécese a resolverlle un problema que tería que asumir el e non só non responde ao ofrecemento senón que os critica por non facer nada. É inaudito; nin fai nin deixa facer”, incide a popular.

Novas

Redes Sociais