Novas

Sábado, 5 de outubro de 2013

A portavoz dos populares afirma que "novamente queda á vista o bipartidismo na sombra cando o equipo de Goberno subiu o custo dos nichos grazas á abstención dos socialistas"

Julia Rodríguez culpa ao BNG e ao PSOE do incremento das taxas do cemiterio, ao que o PP se opuxo

O Grupo Municipal do PP fai pública a acta do Pleno do 4 de xuño para que todos os monfortinos poidan ver que os populares "fomos os únicos que rexeitamos unha subida que desde o principio consideramos excesiva"

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, fai responsables "por igual" a nacionalistas e socialistas aos que culpa da subida das chamadas atencións no cemiterio, que pasaron de 3,29 euros ao ano a 10 euros por cada sepultura, cabida, oco ou altura. O PP pon a disposición de todos os monfortinos a través da súa páxina web e a redes sociais Facebook e Twitter a acta do Pleno do 4 de xuño na que os populares votaron en contra da subida, mentres que o PSOE se abstivo posibilitando a aprobación da medida co voto de calidade do alcalde.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, afirma que novamente "queda á vista o bipartidismo na sombra existente entre nacionalistas e socialistas" quen logo de permitir o incremento das taxas tratan de desviar a atención cara aos populares cando saben que o Grupo Municipal do PP foi "o único que non apoiou as novas taxas por consideralas excesivas".

"Agora que ven que os monfortinos non comprenden este incremento tratan de tirar balóns fóra cando son eles os responsables únicos de que a taxa se incrementase nun 300%", esgrime a popular quen engade que "o alcalde debe asumir a proposta que apoiou no Pleno do mes de xuño no que se aprobaron as taxas, mentres que os socialistas deben asumir o apoio que veñen prestando ao BNG e as súas consecuencias. Agora parece que non vai con eles cando foron os dous partidos os que apoiaron esta subida", precisa.

A subida trae consigo un incremento nos ingresos das arcas municipais de 42.543,58 euros. Así, o Goberno local pasa de recadar 20.916,42 euros en 2012 a 63.460 euros previstos para o 2013.

Ademais dos 10 euros que os cidadáns terán que abonar por cada oco, o Goberno local, tamén grazas á abstención do PSOE, aprobou unha subida do 5% nas concesións, alugueres, licenzas e trasmisións, dentro da ordenanza fiscal reguladora pola prestación de servizos no cemiterio, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres.

Novas

Redes Sociais