Novas

Xoves, 7 de xuño de 2018

A voceira do PP de Monforte e deputada autonómica amosa a súa satisfacción pola decisión da Comisión Europea de incorporar o noroeste español ao Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías

Julia Rodríguez afirma que o novo Executivo “non ten escusa” para non financiar e non modernizar a liña que une Galicia co corredor atlántico desde Palencia por Monforte cara os portos galegos

A popular agradece “o traballo realizado pola Xunta e que o anterior Goberno central atendera as nosas peticións de traslado á UE”

A voceira do PP de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, amosa a súa satisfacción pola decisión da Comisión Europea de incorporar o noroeste español ao Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías, o que suporá incrementar a súa competitividade económica e a súa capacidade loxística.

Julia Rodríguez afirma que o novo Executivo “non ten escusa” para non financiar e non modernizar a liña que une Galicia co corredor atlántico desde Palencia por Monforte cara os portos galegos. “É unha demanda na que se leva traballado moito e á que non podemos renunciar”, explica.

A deputada e voceira municipal agradece “o traballo realizado pola Xunta e que o anterior Goberno central atendera as nosas peticións de traslado á UE, polo que consideramos que o novo Goberno debe ser quen siga adiante con esta encomenda, que non debe aparcar”, precisa.

Modificación do trazado

A proposta de modificación do trazado do Corredor Atlántico, que incorpora a demanda conxunta de Galicia, Asturias e Castela e León, quedou plasmada na Declaración institucional asinada en Santiago de Compostela o pasado 9 de outubro de 2017.

Julia Rodríguez pon en valor esta decisión da Comisión Europea como o froito dun intenso traballo institucional realizado ante as autoridades españolas e europeas en defensa da competitividade dos tres territorios. A decisión, que deberá ser referendada polo Parlamento e o Consello europeo, garantirá fondos comunitarios para a modernización da liña de ferrocarril de mercadorías a través do mecanismo de financiamento ‘Conectar Europa’.

A alianza dos tres executivos autonómicos reforzou a defensa de que o trazado español do Corredor Atlántico incorporase e priorizase a conexión ferroviaria dos portos marítimos e centros loxísticos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia, León, Monforte de Lemos e Ourense.

A incorporación desas liñas ao trazado do Corredor Atlántico convérteas en preferentes e, ao complementarse coa liña de costa entre A Coruña, Avilés e Xixón, se crea bucle de conexión dos portos da cornixa atlántica.

A Comisión Europea mostra agora o apoio á realización das oportunas modificacións da Rede Transeuropea de Transporte e da conexión ferroviaria coas terminais portuarias e principais plataformas intermodais, co propósito de facilitar un reparto máis eficiente -económica e ambientalmente-, entre os diferentes modos de transporte, reequilibrando as posibilidades de atracción industrial destas comunidades.

Novas

Redes Sociais