Novas

Sábado, 9 de xuño de 2018

Os populares lamentan que os peóns se vexan obrigados a camiñar pola propia calzada dado que o espazo limitado para os transeúntes “é demasiado estreito e impide o paso dunha cadeira de rodas, dun carriño de bebés e mesmo dunha persoa con bolsas”, un feito que incumpre claramente “a normativa de accesibilidade e de seguridade viaria, o que converte esta zona nun punto de claro perigo para os viandantes”

O PP de Monforte pídelle ao alcalde que reordene a zona de estacionamento na Rúa Zapardiel, posto que obriga aos peóns ao ir polo medio da calzada

Julia Rodríguez lembra que o alcalde fixo oídos xordos ás peticións do PP e dos veciños para anchear esta rúa, dotalas de sumidoiros e dunha sinalización horizontal de tránsito peonil en condicións e “limitouse a botar asfalto”

O PP de Monforte pídelle ao alcalde que reordene a zona de estacionamento na Rúa Zapardiel, posto que deixar unhas zonas tan estreitas obriga aos peóns a ir polo medio da calzada. O Grupo Municipal do PP de Monforte critica a inseguridade viaria que continúa a darse na Rúa Zapardiel tras as obras de asfaltado acometidas polo Goberno local, que rexeitou realizar unha actuación íntegra nesta infraestrutura viaria que garantise en condicións o tránsito peonil.

En concreto, os populares amósanse moi críticos co treito da Rúa Zapardiel no que os peóns se ven obrigados a transitar pola propia calzada, unha situación que incumpre claramente “a normativa de accesibilidade e de seguridade viaria, converténdose nun punto de claro perigo para os viandantes”. A voceira Julia Rodríguez explica que o espazo limitado para o tránsito de peóns entre os edificios e a zona de aparcamento dos vehículos “é demasiado estreita ata o punto de impedir o paso dunha cadeira de rodas, dun carriño de bebés e mesmo dunha persoa cargada con bolsas, o que obriga ás peóns a camiñar pola propia calzada”.

Para corrixir está situación de inseguridade que se está a dar na Rúa Zapardiel, os populares consideran que o alcalde debería reconsiderar a zona de aparcamento, posto que deixou un espazo moi limitado para os paso dos peóns. Neste senso, Julia Rodríguez repróballe de novo ao alcalde que fíxese en reiteradas ocasións oídos xordos ás peticións dos veciños e do Partido Popular que “lle pedimos unha mellora íntegra desta rúa e que non se limitase só a botarlle asfalto”.

Petición dos veciños e do PP

En concreto, Julia Rodríguez lembra que os populares e os veciños consideraban necesario que o Concello negociase cos propietarios dos solares limítrofes a cesión ou adquisición de terreo para o seu ensanche, naqueles puntos nos que fose posible. Demandaron ademais que se dotase de sumidoiros e das instalacións necesarias para a recollida de augas, así como que se mellorase o seu firme, delimitando con sinalización horizontal en condicións a zona de tránsito peonil, así como con pasos de peóns, -particularmente na saída do polideportivo e na confluencia coas rúas que a comunican coa Rúa San Pedro-.

Ante esta situación, os populares “amosámonos moi críticos ante o feito de que ao alcalde lle faltase afán por mellorar a cidade. Está claro que é necesario actuar no pavimento das rúas pero deberíase ir un paso máis alá e non quedarse simplemente en botar asfalto. O alcalde non o fixo mantendo unha clara inseguridade para os peóns”.

Unha rúa moi concorrida

A voceira do PP explica que a diario transitan por esta Rúa, ademais dos seus residentes, moitos vehículos que dende a Rúa Doutor Casares se dirixen á Rúa Calvo Sotelo e queren evitar os semáforos existentes en ambas, así como os pais que deixan ou recollen aos seus fillos no polideportivo do IES Río Cabe polo que “é inadmisible a situación que se segue a dar nesta infraestrutura”.

De igual xeito, tamén transitan por esta rúa moitos peóns, os propios residentes, os rapaces do IES Río Cabe, os usuarios do polideportivo, as persoas que se dirixen ao parque do monte de San Vicente, ou aquelas que dende a Rúa Calvo Sotelo se dirixen á Rúa Doutor Casares e viceversa e queren atallar evitando dar a volta por San Pedro.

“Estamos ante unha rúa moi transitada, tanto por vehículos como por peóns, que segue a ser moi estreita, o que facía que fose moi conveniente ensanchala no posible e garantir nela unha maior seguridade viaria para os seus usuarios”, precisan.

Novas

Redes Sociais