Novas

Mércores, 20 de xuño de 2018

As axudas están pensadas para concellos de menos de 20.000 habitantes co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem)

O PP de Monforte denuncia que o Concello non teña pedido as axudas da Xunta para a rehabilitación das antigas casas dos mestres, doutros oficios e edificios e vivendas de titularidade municipal

Aseguran que o alcalde podería pedir estas axudas para inmobles que xa sexan da súa titularidade ou incluso ter comprado algún que resultara de interese para rehabilitado con esta fin

Julia Rodríguez afirma que este desleixo do alcalde pon en evidencia a súa falta de traballo e o desinterese por mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, sobre todo daqueles que máis o precisan

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o Concello non teña pedido as axudas da Xunta para a rehabilitación das antigas casas dos mestres, doutros oficios e edificios e vivendas de titularidade municipal. Os populares censuran que Monforte perda unhas axudas que destinaría, ao igual que fan outros concellos da Comarca, como Sober, a unha bolsa de aluguer para aquelas persoas que máis o necesitan.

“O Concello de Monforte podería pedir estas axudas para inmobles que xa sexan da súa titularidade ou incluso ter comprado algún que resultara de interese para rehabilitado con esta fin”, precisan.

Así, por exemplo, o Concello de Sober contará con catro vivendas para esta fin, mentres que o Goberno local de Monforte deixa pasar esta interesante oportunidade, o que, tal e como explica a voceira do PP, Julia Rodríguez, “pon en evidencia a falta de traballo e o desinterese do alcalde por mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, sobre todo daqueles que máis o precisan”.

“Prefire ter as vivendas baleiras, deshabitadas e sen rehabilitar, antes que facer os deberes e pedir as subvencións, como fan outros concellos para axudar aos seus veciños e veciñas”, lamenta.

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem).

Considéranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade.

O Concello de Monforte cumpriría cos requisitos

Poden ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

Contar con menos de 20.000 habitantes.

Contar con demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello.

Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

Contía

As axudas poderán acadar ata o 90% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.

Novas

Redes Sociais