Novas

Sábado, 23 de xuño de 2018

Os populares explican que existen moitos casos en Monforte de inmobles que viron modificada a súa clasificación de urbana a rústica, o que implica que os propietarios deberían ter aboado dende 2016 unha contía inferior polo Imposto de Bens Inmobles “non sendo aplicada polo Concello esta redución durante o primeiro ano de entrada en vigor dos cambios, tendo dereito os afectados a solicitar a devolución da cantidade indebidamente aboada nesa anualidade”

O PP de Monforte pide ao alcalde que informe aos veciños afectados da posibilidade de reclamar o IBI indebidamente cobrado no 2016 trala modificación na clasificación catastral de urbano a rústico

Julia Rodríguez explica que a devolución se dá a iniciativa dos contribuíntes pero que o Concello debe informalos desta posibilidade e “ata a data non ten feito nada, pese a que o tempo pasa e pode prescribir o dereito a reclamar”

O Grupo Municipal do PP de Monforte leva unha moción ao Pleno que se celebrará o vindeiro luns a través da que insta ao Goberno local socialista a informar aos donos de bens afectados polo cambio de clasificación catastral das súas propiedades, do dereito que lles asiste para reclamar a devolución do Imposto de bens Inmobles indebidamente cobrado no exercicio 2016.

Os populares explican na súa iniciativa que a modificación da Lei do Catastro Inmobiliario ocasionou que moitos inmobles situados en Monforte visen cambiada a súa clasificación de urbana a rústica e, polo tanto, deuse unha modificación na súa clasificación catastral, o que implica que a contía que deben soportar os seus propietarios á hora de aboar o Imposto de Bens Inmobles é inferior dende xaneiro de 2016.

Pese a este cambio normativo, dende o Grupo Municipal do PP explican que dende o Concello na anualidade 2016 non se aplicou esta redución de maneira que “a día de hoxe os propietarios dos terreos afectados teñen dereito á devolución da cantidade indebidamente aboada nesa anualidade”. Ademais, a voceira dos populares locais, Julia Rodríguez, informa de que o Concello ten a relación dos inmobles afectados e, de feito, precisa, tenlla remitida ao Catastro.

Neste senso, dende o Grupo Municipal do PP tamén explican que a devolución non se produce de oficio polos Concellos, senón que ten que ser a iniciativa dos contribuíntes afectados pero “é evidente que unha gran maioría dos propietarios descoñecen o dereito que teñen a esta devolución, sendo moi necesario que os afectados reclamen antes de que se produza a prescrición”.

Ante esta situación, os populares denuncian que o alcalde “non teña feito nada para informar aos propietarios afectados desta posibilidade”, polo que lle pedirán en Pleno “que os informe do dereito que lles asiste para reclamar a devolución do IBI indebidamente cobrado no exercicio 2016, como consecuencia do cambio de clasificación dos inmobles de urbano a rústico”. De igual xeito, na iniciativa popular tamén solicitan que se recolla na memoria dos orzamentos a contía indebidamente recadada e a posibilidade de afrontar a súa devolución ao mesmo tempo que instan ao Goberno local a habilitar uns mecanismos áxiles para proceder á devolución, evitando a conflitividade neste ámbito.

Novas

Redes Sociais