Novas

Martes, 26 de xuño de 2018

Os populares elevaron unha pregunta ao Pleno ao entender que non estaban claras nin definidas as competencias que debía asumir o servizo técnico municipal, así como as empresas externas

O PP de Monforte interesouse en Pleno polo funcionamento, organización e competencias do servizo responsable das instalacións eléctricas municipais

Os populares denunciaron a existencia numerosas irregularidades que afectan ás instalacións eléctricas municipais e que foron postas en coñecemento do equipo de Goberno por parte do capataz do servizo eléctrico sen seren atendidas ata a data

Julia Rodríguez lamenta que o rexedor non dese resposta ás preguntas relativas ás irregularidades existentes nas instalacións eléctricas e á seguridade dos operarios e critica a súa incoherencia ao definir as competencias do capataz do servizo eléctrico, do que di que podería facer mesmo funcións de fontaneiro

O Grupo Municipal do PP de Monforte levou unha pregunta ao Pleno local, que se celebrou onte, a través da que se interesaron polo funcionamento, organización e competencias do servizo responsable do mantemento das instalacións eléctricas municipais, así como pola existencia de numerosas irregularidades que afectan a estas instalacións eléctricas que foron postas en coñecemento do equipo de Goberno por parte do capataz sen seren atendidas ata a data, ao que se lle sumou o interese do Grupo do PP tamén pola falta de seguridade na que están a prestar, en ocasións, os seus servizos os operarios.

En concreto as preguntas trasladadas polos populares foron as seguintes:

-Cales son as competencias do capataz do servizo eléctrico e onde aparecen recollidas?

-Como explica que se leven a cabo actuacións nas instalacións eléctricas municipais por parte de empresas externas sen coñecemento do capataz de servizo eléctrico?

-Como explica que o capataz estea a informar dende fai tempo de actuacións que poden repercutir negativamente no consumo ou na seguridade das instalacións, e non se estean atendendo as súas recomendacións?

Sen resposta

Os populares lamentan que na sesión de onte, o alcalde, “a excepción de informar que vai adquirir un novo vehículo vía leasing, se negase a responder ás preguntas que se lle trasladaron sobre as incidencias nas instalacións eléctricas e mesmo chegase a afirmar que o capataz do servizo eléctrico, tamén o é de mantemento e, polo tanto, podería efectuar labores como a de fontaneiro. Unha incoherencia que se resolvería coa RPT que se nega a facer”, explican dende o Grupo Popular. Neste eido, os populares engaden que o capataz en cuestión dispón dunha certificación do Secretario que acredita a súa condición de capataz de mantemento-electricista, polo que “pretender que faga traballos de fontanería, como di o alcalde, e ao mesmo tempo dicir que non se dan as condicións para facer unha RPT, demostra o nulo interese por mellorar e clarificar as condicións nas que traballan os empregados municipais así como para definir as súas funcións e competencias”.

Irregularidades

O Grupo Municipal do PP denunciou en varias ocasións, a través de iniciativas plenarias, a existencia de múltiples irregularidades que afectan ás instalacións eléctricas municipais, e que tamén foron postas en coñecemento do equipo de Goberno por parte do capaz do servizo eléctrico. Entre estas múltiples irregularidades atópanse a existencia de locais e instalacións municipais conectados irregularmente á rede de alumeado público; instalacións eléctricas que conviven con instalacións de rego sen o necesario illamento; cables colgando sen que se faga nada para corrixilos; instalacións eléctricas temporais sen as necesarias medidas de seguridade; ao que se lle suma a contratación de empresas para efectuar obras sen comunicación ao capataz para a necesaria supervisión e control sobre o terreo, así como a adxudicación de obras a empresas externas que poden ser efectuadas polo servizo eléctrico municipal.

“É evidente que ao alcalde non lle interesa o feito de que o capataz electricista lle estea a trasladar incidencias que repercuten no servizo eléctrico, incluso o rexedor chegou a dicir que este traballador era excesivamente preocupado por cuestións que non son da súa competencia”, considera a voceira dos populares.

Competencias

Os populares realizaron tamén estas preguntas en pleno tendo en conta a resposta que lle deron ao escrito do capataz, no que ademais de poñer de manifesto as irregularidades descritas, tamén quería aclarar as funcións relacionadas co seu posto. Na resposta ao capataz evidenciábase que non está clara a cuestión relativa ás competencias e a asunción de funcións tanto da técnica municipal de servizos, como do capataz e das empresas externas, ademais de que se deixaba entrever que existe unha desconexión entre a actuación das empresas externas, a técnica e a figura do capataz. “Onte o alcalde tampouco foi quen de aclarar este situación”, conclúen os populares.

A resposta que se recolle en Xunta de Goberno de 14.5.2018 ao capataz é a seguinte: “Dáse conta do escrito dun traballador do Concello, comunicando diversas situacións relacionadas co seu traballo na área dos servizos municipais e coa responsabilidade que a el lle poden supoñer. Di que non ten obtido resposta dos seus superiores. A ese respecto, a Técnica municipal de Servizos informa que non é así, que lle ten dito que no caso de actuacións con empresas contratadas, a responsabilidade é da contrata e dos órganos municipais que deciden actuar mediante medios externos, e que no caso de actuacións con medios propios municipais, é á Técnica a quen lle corresponde a responsabilidade cando ela dispón a actuación. Tendo en conta o anterior, a Xunta de Goberno Local adopta por unanimidade o seguinte ACORDO: Procede contestar o traballador debe seguir o conduto regulamentario para as súas queixas, dirixíndose en primeira instancia á Técnica municipal de Servizos, tendo dese modo salvada a súa responsabilidade”.

Seguridade

Ademais, os populares tamén denunciaron en Pleno a existencia de incidencias no referente á garantía da seguridade, tanto é así que explican que teñen visto operarios subidos en escadas cando se dispoñían a cambiar farolas sen os sistemas de seguridade necesarios. Ante esta situación, os populares tamén lle preguntaron ao alcalde sobre quen é o responsable de que os operarios dispoñan dos EPIS necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.

Novas

Redes Sociais