Novas

Xoves, 28 de xuño de 2018

Os populares remitiron un rogo ao Concello para que dende o Goberno local tomen as medidas oportunas ao respecto e fagan cumprir a ordenanza municipal de tráfico ás grandes superficies asentadas na rúa Manuel María

O PP de Monforte pide ao alcalde que atenda as queixas dos veciños da rúa Manuel María polo ruído que ocasionan de madrugada os camións de descarga dos supermercados

Julia Rodríguez lamenta que, pese ás peticións que lle teñen trasladado os veciños dende hai meses, o alcalde continúe a facer oídos xordos a esta demanda cidadá

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou un rogo no último pleno a través do que pide ao alcalde da localidade, o socialista José Tomé, que atenda as queixas dos veciños da rúa Manuel María que dende hai meses están a sufrir as molestias ocasionadas polo ruído que producen de madrugada os camións de descarga que subministran existencias aos grandes supermercados asentados nesta zona.

En concreto, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, explica que o proceso de descarga prodúcese dende as seis da mañá o que impide o correcto e necesario descanso dos afectados que residen nesta rúa. Ademais, a popular tamén lamenta que o alcalde estea a facer oídos xordos a esta demanda cidadá pese a que “suman xa moitas as veces que os veciños lle solicitaron ao alcalde que tomase medidas ao respecto”.

Así, a través dun rogo plenario, o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte solicítalle ao alcalde que faga cumprir a ordenanza de tráfico ás grandes superficies localizadas na zona da rúa Manuel María e que, deste xeito, lles advirta de que o horario durante o que poden proceder a desenvolver os labores de carga e descarga limítase entre as 8:00 e as 22:00 horas. Do mesmo xeito, a voceira popular tamén pide que se teñan en conta as limitacións establecidas en relación á produción de ruídos na vía pública e reguladas na correspondente ordenanza.

Que faga cumprir a ordenanza

Por último, Julia Rodriguez explica que no artigo 55 da ordenanza municipal de tráfico sinálase que para a realización dos labores de carga e descarga se deben adoptar as precaucións necesarias para evitar ruídos e calquera outra molestia para o usuarios da vía pública e dos veciños residentes nos inmobles próximos. Ademais, no artigo 65 regúlase que a carga e descarga dende vehículos que teñan por finalidade o aprovisionamento de áreas comerciais e almacéns, empresas ou grandes superficies, as cales sexan destinatarias ou orixe da totalidade ou dunha fracción importante da carga, non está suxeita ao cumprimento das limitacións de peso para os vehículos nin dos horarios establecidos, sempre que se efectúe, matiza, entre as 8:00 e as 22:00 horas salvo autorización expresa.

Novas

Redes Sociais