Novas

11, xullo, 2018

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, apunta que “son moitos os edificios do noso concello os que constitúen un perigo para as persoas”

Os populares de Monforte insístenlle ao Concello en tomar medidas sobre os edificios en risco de derrubamento

A caída dun novo edificio a pasada madrugada na rúa Compañía evidencia para o PP local “o risco que representan as vivendas en estado ruinoso para os viandantes ou mesmo para os veciños de casas lindeiras”

Os populares interpelarán ao equipo de goberno polo cumprimento dun acordo tomado no Pleno de xaneiro sobre o inventariado das vivendas en estado ruinoso e o requirimento aos propietarios de medidas que garantan a seguridade cidadá

O Grupo Municipal do PP de Monforte diríxese de novo ao goberno local para interesarse polas medidas adoptadas para garantir a seguridade cidadá en relación aos posibles derrubamentos de edificios en ruínas tralo acordo tomado no Pleno de xaneiro deste ano a iniciativa dos populares.

Así, o PP de Monforte dirixirase ao rexedor local no vindeiro Pleno tras coñecer un novo caso de derrubamento espontáneo na pasada madrugada, o dun edificio da rúa Compañía, que se vén a sumar a outros que se teñen producido nos últimos anos.

A este respecto, a voceira popular, Julia Rodríguez, recorda que “moitas edificacións do noso concello representan un perigo para as persoas debido ao risco de derrubamento por danos estruturais ou da caída de parte dos seus elementos”.

É por iso polo que os populares teñen presentado unha iniciativa instando ao Concello a “inventariar os edificios en ruína ou risco de derrubamento e desprendemento de elementos sobre a vía pública ou vivendas adxacentes no noso municipio”. Igualmente, a moción aprobada no Pleno de xaneiro recollía o requirimento aos propietarios para que adoptasen as medidas de seguridade necesarias ou, de non facelo, seren adoptadas polo propio Concello coa finalidade de garantir a seguridade dos veciños e sen prexuízo dos expedientes procedentes”.

Agora, tras detectar un novo caso de derrubamento que “evidencia o risco que representan este tipo de vivendas para os viandantes ou mesmo para os veciños de casas lindeiras”, os populares preguntaranlle ao equipo de goberno “se ten dado cumprimento ao acordo tomado en xaneiro de inventariar as vivendas ruinosas e de requirir ou acometer a súa seguridade a costa dos propietarios que non o fagan”.

De terse realizado ese inventario, os populares queren coñecer o número de vivendas ruinosas en risco de derrubamento total ou parcial; así como as medidas adoptadas para garantir a seguridade da veciñanza ante estes riscos.

Novas

Redes Sociais