Novas

29, xullo, 2018

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia o gasto de fondos municipais na limpeza de monumentos públicos cando “ese labor lle corresponde á concesionaria da limpeza viaria”

O PP de Monforte esíxelle ao Concello facer cumprir os contratos municipais

-Os populares nomean concretamente o contrato coa concesionaria FCC que “recolle entre as súas obrigas o saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos do concello”

-A voceira municipal popular, Julia Rodríguez, critica que o alcalde “estea negociando con Aqualia as obras de mellora na rede de subministro de auga” cando “estas obrigas se recollen no contrato con FCC”

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao Goberno local que requira á entidade concesionaria dos servizos municipais de recollida de lixo e limpeza viaria e o servizo de abastecemento e saneamento municipais, FCC, o cumprimento do seu contrato.

Isto débese a que o alcalde, o socialista José Tomé, ven de anunciar a limpeza da muralla a través da contratación deste servizo a unha empresa externa por un custo de 17.000 euros, así coma a renovación da rede xeral de abastecemento de auga con Aqualia. Pero “ambas son obrigas que recolle o contrato municipal con FCC” como indican os populares.

A limpeza da muralla xa se realizou no ano 2017 “con cargo aos recursos municipais, concretamente, aos propios operarios municipais, como se comprobou no caso da limpeza da Ponte Vella”.

Así, a voceira municipal, Julia Rodríguez, critica que “se empreguen recursos municipais para acometer servizos que forman parte das obrigas da concesionaria”. De feito, o contrato sinala entre as súas obrigas “a prestación do labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia do Concello (Ponte Vella e muralla)”.

Obras na rede de abastecemento

O contrato obriga igualmente á mesma empresa FCC, con respecto ao servizo de abastecemento e saneamento, a acometer “as obras e instalacións precisas para adecualas ás esixencias que implique a correcta prestación e xestión do servizo facendo fronte aos gastos derivados desta adecuación”. Tamén precisa o prego de condicións que “as obras de mantemento e conservación de conducións e instalacións, así como as de renovación e/ou substitución daquelas deterioradas ou avariadas serán da conta do concesionario”.

Así, defenden os populares que “o alcalde está negociando coa concesionaria a execución dunhas obras de renovación da rede xeral que xa deberían estar incluídas entre as obrigas que ten que acometer”. É dicir, “vende como inversións as melloras que a propia concesionaria debería ter executado”. É que, dende o PP de Monforte, cren que “é evidente que ao longo dos anos as conducións se foron deteriorando e avariando sen que se procedese á súa renovación e substitución como obrigaba o contrato”. É máis, “o Sr. Tomé omite que esta rede está tan deteriorada entre o depósito do Cornao e o de San Vicente que provoca avarías constantes”, segundo incide Julia Rodríguez.

“O alcalde non ten interese en facerlle cumprir á concesionaria”

Todas estas actuacións “demostran que o alcalde non ten interese algún en facerlle cumprir á concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, FCC, o contrato que a obriga a realizar os labores de limpeza e eliminación de especies vexetais da muralla e a Ponte Vella, como nas de renovación e substitución de conducións avariadas ou deterioradas, neste caso, a rede xeral entre o depósito do Cornao e o de San Vicente.

Os populares advirten que “nun caso se ten contratado unha empresa externa para que faga eses traballos de limpeza e, noutro, estase considerando que a empresa os faga con cargo s melloras non executadas. Ámbalas dúas actuacións representan prexuízos económicos para o Concello que este grupo non pode apoiar”.

Así pois, o Grupo Municipal do PP instará a través dunha moción no vindeiro Pleno a “absterse de contratar con empresas externas actuacións que forman parte das obrigas contratadas coas concesionarias de servizos municipais e, concretamente, no que atinxe á concesionaria FCC. E, igualmente, propoñen ao Pleno da Corporación Municipal instar ao equipo de Goberno local a absterse de negociar a substitución de inversións non executadas por parte das concesionarias municipais por actuacións que xa forman parte das súas obrigas”.

Novas

Redes Sociais