Novas

1, agosto, 2018.

Os populares lamentan que o alcalde non respondese á súa pregunta sobre o requirimento á empresa concesionaria da limpeza de vías sobre a eliminación de vexetación que invade a muralla e a ponte vella

O PP de Monforte denuncia “a falta de respecto” do Goberno local ante o labor da oposición

-A voceira popular, Julia Rodríguez, explica que “o alcalde non respondeu” en relación á pregunta sobre o requirimento á empresa FCC

-O Grupo Municipal Popular denuncia que aínda non se “analizase a situación das casas para garantir a súa propia seguridade e a da veciñanza", a pesar de ter aprobado en xaneiro unha proposta dos populares para inventariar as vivendas en estado ruinoso

O Partido Popular de Monforte denuncia “a total falta de respecto” do Goberno local ante o labor da oposición, xa que “nin escoita nin responde ás preguntas dos outros grupos políticos”.

A voceira do PP local, Julia Rodríguez, critica que “o alcalde non respondeu” en relación á pregunta presentada polo Grupo Municipal Popular ao Pleno da Corporación celebrado o pasado luns onde se interpelaba ao Goberno local sobre o requirimento á empresa FCC para proceder á eliminación da vexetación que invade a muralla e a ponte vella.

Os edís populares, que tamén presentaron unha moción sobre este mesmo asunto, recordan que “xa o ano pasado este grupo advertiu que se levara a limpeza da muralla a través de medios municipais”. Isto, apunta Julia Rodríguez, “en lugar de requirir á concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria estes labores recollidos no contrato como servizos complementarios”.

Polo tanto, e tendo en consideración que “este ano o señor Tomé ven de anunciar que contratou os traballos de limpeza da maleza na muralla por importe de preto de 17.000 euros, obviando outra vez o recollido no contrato de FCC, quixemos saber se a empresa se ten negado a realizar tal actuación”, indica a voceira municipal. Nesa liña, os populares quixeron saber a razón pola que se teñen contratado estes traballos a unha empresa externa e se pensa o equipo de Goberno repercutir ese custe á empresa concesionaria.

Julia Rodríguez lamenta a falta de respecto que amosa o alcalde ante este Grupo, así coma o seu “desinterese” por dar explicacións sobre a súa xestión á fronte do Consistorio monfortino. Tal é así, que incluso votou en contra da moción que o PP levou sobre este mesmo asunto na que se lle pedía que “lle fixera cumprir o contrato á concesionaria en lugar de gastar diñeiro público en realizar uns labores que xa ten contratados”.

Seguridade cidadá

O Grupo Municipal do PP de Monforte tamén se preocupou no Pleno por coñecer se o Concello ten realizado o inventariado das vivendas ruinosas no municipio tal e como se acordara no Pleno de xaneiro grazas a unha iniciativa dos populares. Aquela moción tamén incluía requirir aos seus propietarios asegurar esas edificacións ou realizar eses labores con costas aos propietarios que non o fagan.

Os populares piden un inventario de casas que corren perigo de derrubamento “á vista do risco que representan estas vivendas para a seguridade cidadá tal e como se constatou cun novo derrubamento que se producía recentemente”. De feito, “as últimas que caeron fixérono de noite; pero se fose de día, a desgraza podería ser maior”, segundo advirte Rodríguez. Por iso quixeron coñecer o número de vivendas ruinosas inventariadas por ameazar derrubamento total ou parcial; así coma as medidas adoptadas polo Goberno local “dado o tempo transcorrido dende que aquela iniciativa fora aprobada polo Pleno”, incide.

O Grupo Popular de Monforte considera un “despropósito” a resposta do alcalde a este respecto; xa que argumentou que se trataba dunha “pregunta retórica”. Ademais, engadiu que “para coñecer esta información, recorrésemos ao Plan Especial”. A voceira municipal popular recorda a este respecto que “só determina o seu estado xeral; pero non especifica se conteñen elementos do seu teito ou fachada que poidan constituír risco de caída ou desprendemento”. Ademais, a voceira popular considera que “o alcalde parece ignorar que ese Plan só recolle o estado das vivendas do casco histórico, pero hai máis por todo o municipio”.

Rodríguez aclara que “non lle pedimos que as rehabilite, como el di”; senón que analice a situación das casas para garantir a súa propia seguridade e a da veciñanza; ademais de evitar responsabilidades aos propietarios que se puideran derivar de posibles danos”.

Novas

Redes Sociais