Novas

Mércores, 9 de outubro de 2013

O Grupo Municipal do PP pide ademais que figure un enlace na páxina oficial do Concello á web www.caminodeinvierno.com

O PP demanda ao Goberno local que inclúa o trazado do Camiño de Inverno nas normativas urbanísticas pendentes, PEPCHA e PXOM

Julia Rodríguez recoñece á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra por "perseverar na recuperación, difusión e posta en valor desta importante ruta de peregrinación".

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan ao Goberno local que inclúa o trazado do Camiño de Inverno na normativa urbanística que se estea elaborando ou se vaia a elaborar no futuro, concretamente no PEPCHA e o PXOM. Os populares solicitan ademais que se incorpore un enlace desde a páxina web do Concello ao site de divulgación do Camiño de Inverno www.caminodeinvierno.com.

Desde o Grupo Municipal do PP explícase que o Camiño de Inverno no seu discorrer por Galicia atravesa a Ribeira Sacra, este Concello e a cidade de Monforte en particular. Malia iso, na redacción do último PXOM de Monforte non existía referencia algunha ao Camiño de Inverno, "polo que consideramos que esta ruta de peregrinación debe incluírse en calquera caso, e ter reflexo, pola súa importancia, no PXOM de Monforte unha vez se retomen os labores de redacción do mesmo, da mesma forma que xa se incluían outros proxectos futuros, menos viables a curto prazo", explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

"Consideramos que igualmente debe ter reflexo esta ruta na redacción do PEPCHA por canto o trazado, que se prevé será oficializado proximamente, discorrería por zonas do casco antigo", engade Rodríguez.

Tampouco se atopa referencia algunha ao Camiño de Inverno nin enlace coa súa páxina na web do Concello de Monforte, un enlace que "é necesario, por canto, contribúe á divulgación e posta en valor de determinadas zonas do noso municipio, polas que discorre o Camiño, á vez que é unha vía máis de difusión desta ruta peregrina".

Os populares citan na súa moción o seguinte texto extraído da páxina www.caminodeinvierno.com no que se fai unha definición exacta da ruta:

O Camiño de Inverno é unha ruta de peregrinación a Santiago, pola que optaban moitos peregrinos, ao entrar en Galicia, sobre todo na época invernal, para evitar atoparse co dificultoso paso dos cumes nevados do Cebreiro.

Cando o camiñante deixa o albergue de Ponferrada, antesala das terras galegas, preséntanselle dúas opcións para continuar ata a tumba do Apóstolo: unha, seguir de fronte, polo Camiño Francés; outra, desviándose á esquerda, polo Camiño de Inverno. Este último, segue, practicamente, a canle natural que marca o río Sil, por unhas cotas máis baixas do terreo, converténdoo nun camiño natural de comunicación entre Galicia e a meseta castelán- leonesa. Unha ruta que foi seguida polos diferentes pobos ao longo da historia, desde os romanos ás tropas napoleónicas francesas, para facer as súas incursións en terras galegas. E, a que seguiu o primeiro trazado da liña férrea para entrar en Galicia, a liña Palencia-A Coruña, inaugurada en 1883.

Ao longo duns 210 quilómetros, percorrerá as catro provincias galegas, tras deixar a comarca leonesa do Bierzo. Fai a súa entrada en Galicia pola comarca ourensá de Valdeorras, segue polo Sur da provincia de Lugo e xa nas estribacións do monte Faro, entra na comarca pontevedresa do Deza, uníndose en Lalín (albergue da Laxe) ao camiño Sanabrés ou Mozárabe, ata Santiago de Compostela.

Ademais do río, un fiel acompañante, en gran parte do percorrido, hai dúas singularidades que identifican esta ruta: unha, cruza o parque arqueolóxico das Médulas, declaradas Patrimonio da Humanidade; outra, atravesa gran parte da Ribeira Sacra, polo Sur lucense, salpicada do maior número de igrexas románicas galegas, situado, na súa maior parte, nos impresionantes canóns do río Sil e ladeiras do río Miño".

Recoñecemento á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que a importancia histórica do percorrido está debidamente documentada e destaca a importancia que a ruta está chamada a alcanzar no futuro, así como a repercusión turística que terá nas poboacións que se atopen no seu traxecto. A portavoz engade que "non compre falar do Camiño de Inverno, sen facer un recoñecemento expreso á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, -e aos seus responsables en particular-, que nunha labor inxente ao longo destes anos perseveraron na recuperación, difusión e posta en valor desta importante ruta de peregrinación".

Os populares recordan ademais que debido ao esforzo e ao traballo sinalado, o Parlamento de Galicia adoptou un acordo unánime a favor do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e está traballando no estudo documental e cartográfico da ruta. A previsión, segundo explican, é que o próximo ano poida contarse co recoñecemento oficial do Camiño de Inverno.

Novas

Redes Sociais