Novas

9, agosto, 2018

Julia Rodríguez denuncia que “o Goberno local non foi capaz de ter acondicionado o Camiño de Inverno nin aberto o centro de recepción aos peregrinos no baixo do hotel Comercio a pesar de estar en temporada alta”

Os populares lamentan que “o alcalde de Monforte se dedique a torpedear todo o que ten que ver co Camiño de Inverno”

-O PP local pídelle ao alcalde que “sinalice e informe sobre a potabilidade da Fonte de Rioseco”

-O Grupo Municipal do PP lamenta a mala imaxe que reciben os peregrinos á súa entrada no municipio monfortino polo estado descoidado dos seus camiños

A voceira do PP local, Julia Rodríguez, lamenta que “o alcalde de Monforte se dedique a torpedear todo o que ten que ver co Camiño de Inverno e non queira ver a súa transcendencia presente e futura”.

De feito, o Grupo Municipal Popular denuncia que “o Goberno local non foi capaz de ter acondicionado o Camiño de Inverno nin aberto o baixo do hotel Comercio como centro de recepción aos peregrinos para este verán”. Nese sentido, os populares pregúntase cando pensa o Goberno monfortino abrir o baixo do hotel Comercio ou se, pola contra, pensa seguir pagando 300 euros ao mes e mantelo pechado indefinidamente.

Os populares monfortinos lamentan a “mala imaxe que reciben os peregrinos do Camiño de Inverno á súa entrada no municipio” por mor da falta de acondicionamento dos camiños municipais que forman parte desta ruta xacobea e “se atopan cheos de maleza e auga sendo o responsable o Goberno local”.

Así mesmo, dende o Partido Popular de Monforte pídenlle ao alcalde que “sinalice e informe sobre a potabilidade da Fonte de Rioseco porque os peregrinos pasan de largo sen saber que aí hai unha fonte”.

Queixas e petición de arranxo dos camiños municipais

Julia Rodríguez asegura que “levamos moito tempo denunciando o mal estado do Camiño de Inverno ao seu paso polo concello de Monforte”; pero, agora, na época de máis afluencia de peregrinos, son os propios usuarios que empregan esta ruta os que manifestan as súas queixas a través das redes sociais como podemos comprobar no grupo de facebook Camino de Invierno”.

A popular engade que “lle pedimos ao alcalde o arranxo dos camiños de titularidade municipal, que son da súa competencia, e porque consideramos que hai que manter especialmente porque forman parte desta ruta”. Pero, como indica a líder da oposición, “sempre se negou”.

Rodríguez augura que “terá que ser a Xunta a que colabore para corrixir este despropósito”. Aínda así, explica que “a Xunta pode colaborar puntualmente, pero para iso o alcalde tiña que ter pedido esa colaboración coa antelación suficiente para que se tivese actuado este verán como fixeron noutros Concellos”. De feito, “outros Concellos limítrofes están tomando a iniciativa para dotar de albergues e outros servizos para os camiñantes ás inmediacións do Camiño de Inverno; pero o Concello de Monforte non defende ningunha iniciativa neste sentido. Torpedea todo o que se propón tanto dende a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e coma dende a oposición”, conclúe a voceira popular.







Novas

Redes Sociais