Novas

13, agosto, 2018

A voceira popular, Julia Rodríguez, recorda que “xa presentamos unha moción ao respecto no Pleno do pasado mes de xaneiro”, pero “nada se fixo”

O PP de Monforte esixe a mellora na iluminación do conxunto monumental de San Vicente

O Partido Popular local acusa ao alcalde de “amosar de novo unha falta de interese polo potencial turístico de Monforte”

O Grupo Municipal Popular de Monforte esixe ao Goberno local a mellora da iluminación do conxunto monumental de San Vicente tras as queixas dos usuarios do Parador aos que a ausencia de iluminación pública na explanada frontal da súa fachada dificulta a entrada no inmoble.

Os populares recordan que “xa presentamos unha moción no Pleno do pasado mes de xaneiro pedindo a mellora da iluminación na praza Luis de Góngora e na fachada lateral da igrexa de San Vicente ao detectar unha carencia na iluminación desta emblemática praza”. O Grupo do PP local apuntaba xa naquel momento a necesidade de dotar de iluminación público á zona “e de poñer en funcionamento o alumeado destinado a enaltecer e destacar a entidade do monumento”.

A voceira municipal, Julia Rodríguez, explica que “de novo, non se cumpriu o acordado nin se fixo nada por mellorar a iluminación no conxunto monumental de San Vicente. Todo o contrario, agora tampouco funciona a lámpada da fachada do Palacio Condal nin o foco situado no muro de baixada a nivel do chan”, engade a popular.

“Desinterese do alcalde” polo potencial turístico de Monforte

“O rexedor local amosa de novo unha falta de interese na súa xestión turística do municipio de cara á temporada alta. Á falta de previsión na conservación do Camiño de Inverno e a apertura do centro de recepción de peregrinos, hai que engadir tamén o seu desinterese por mellorar a iluminación neste enclave turístico de referencia na cidade que se atopa a escuras nunha das temporadas de maior afluencia turística”, engadiu Rodríguez para asegurar que “o alcalde non confía nin se interesa polo potencial turístico do municipio”.

Novas

Redes Sociais