Novas

20, agosto, 2018

Os populares lamentan que o rexedor local empregara o diñeiro público para “lanzar unha mensaxe electoralista” durante as festas e non se preocupara polas “deficiencias na seguridade da instalación eléctrica temporal de baixa tensión”

O PP de Monforte condena “o maior interese do alcalde por cultivar o seu ego que por preservar a seguridade cidadá”

-“Cables no chan sen ningún tipo de protección ou unha caixa de empates colgada nunha tela metálica” son algúns dos exemplos das deficiencias que presentaba a instalación eléctrica de carácter temporal que manifestan dende o PP local

-Os edís do Grupo Municipal Popular de Monforte recordan que “é o titular ou organizador do evento, neste caso o Concello, o responsable da conveniencia de construír instalacións permanentes nos lugares onde se realizan habitualmente os eventos”

-Dende o PP local preguntarán aos responsables polas medidas de seguridade das instalacións temporais colocadas nas rúas con motivo da celebración das festas patronais

Os populares de Monforte lamentan que o rexedor local “empregue diñeiro público para lanzar unha mensaxe electoralista” durante os festexos locais a través dunha pancarta de fogos de artificio co lema “Grazas pola oportunidade”.

Os edís do PP consideran que “se o alcalde quere dar as grazas que as dea co seu diñeiro, non co de todos”. Ademais, lamentan que mostre “máis preocupación por cultivar o seu ego que pola seguridade de todos”; xa que “eran moitas as deficiencias técnicas que non garantían a seguridade que deben cumprir as instalacións eléctricas temporais de baixa tensión para dar subministración á iluminación festiva de rúas e verbenas”.

A voceira popular, Julia Rodríguez, pon como exemplo destas deficiencias “as conexións dun arco á rede eléctrica de Fenosa dunha maneira pouco regulamentaria”; así coma a existencia de “cables no chan sen ningún tipo de protección e unha caixa de empates colgada nunha tela metálica”. Igualmente, explica que “os xeradores que daban servizo ás orquestras si cumprían” coa normativa; pero “parte dos da zona das barracas estiveron parados, so de adorno, separados con vallas e coas conexións tapadas cunha saba”.

O Concello, responsable da seguridade cidadá nas festas

Os populares monfortinos recordan que “é o titular ou organizador do evento, neste caso o Concello, o responsable da conveniencia de construír instalacións permanentes nos lugares onde se realizan habitualmente os eventos” tal e como indica a Instrución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre instalacións eléctricas temporais de baixa tensión que determina “a obriga de que estas instalacións sexan executadas por empresas instaladoras habilitadas en baixa tensión e que sexan inscritas no rexistro de instalacións eléctricas”.

Julia Rodríguez alégrase de que “non pasara nada”; pero recorda que en Vigo si. Nese senso, a popular considera que “cando pase algo, coma no caso do derrubamento de vivendas, o alcalde tratará de buscar outros responsables que non sexa el mesmo” cando “nós levamos varios anos advertíndolle sobre os fallos de seguridade nas instalacións eléctricas das barracas das festas que deben cumprir unha lexislación específica”. Nese sentido, dende o PP local preguntarán aos responsables polas medidas de seguridade adoptadas ata o de agora nas instalacións colocadas nas rúas de xeito temporal”.









Novas

Redes Sociais