Novas

23, agosto, 2018

A voceira municipal do PP, Julia Rodríguez, demanda “actuacións urxentes en relación á maleza que se acumula en distintos puntos da cidade” ante o risco de incendio que se estende tamén despois do verán “como comprobamos o ano pasado”

Os populares monfortinos pídenlle ao Concello que “cumpra e faga cumprir a Ordenanza Xeral de Protección Medioambiental”

-O Grupo Municipal Popular urxe ao Goberno local a “asumir subsidiariamente, por motivo de interese público, a limpeza do solar do número 83 da rúa Roberto Baamonde cheo de maleza que alberga gran cantidade de ratas”

-Os populares piden tamén que se requira aos propietarios dos solares que se atopan colmados de maleza nas traseiras da rúa Santa Clara

O Grupo Municipal Popular de Monforte pídelle ao Concello que realice os traballos e xestións necesarias para manter limpos os solares de titularidade pública e privada así coma as inmediacións dos cursos fluviais ante “o risco de incendios que se estende tamén despois do verán como comprobamos o ano pasado”. É dicir, “pedimos que se cumpra e faga cumprir a Ordenanza Xeral de Protección Medioambiental que esixe manter limpos os solares, especialmente cando os veciños o están pedido expresamente sen que ninguén faga nada”.

Así o explica a voceira dos populares no municipio, Julia Rodríguez, que demanda “actuacións urxentes en relación á maleza que se acumula en distintos puntos da cidade”. Concretamente, afonda no caso do solar do número 83 da rúa Roberto Baamonde “ante o malestar dos veciños pola presenza de ratas entre a abundante maleza”. A popular explica que “a edificación existente nese número ardeu fai anos e dende entón os seus propietarios non atenderon en modo ningún ás reclamacións dos veciños respecto do estado de abandono que presenta o inmoble”.

A este respecto, Rodríguez sinala o estado de insalubridade do solar e “o risco que representa para as edificacións lindeiras ante un posible incendio”. De feito, os propios veciños, como lle consta ao Grupo Municipal Popular, tiñan presentado solicitudes no Concello sobre esta problemática; pero “non foi atendida”, lamentan os populares.

O Concello debe asumir subsidiariamente as obrigas dos propietarios

Rodríguez urxe ao Goberno local a “asumir subsidiariamente a limpeza do solar por motivo de interese público”. De feito, así o recolle o artigo 14 da Ordenanza Medioambiental que establece as obrigas dos propietarios de terreos e edificacións de mantelos en condicións de seguranza, salubridade e ornato público; ademais de permitir ao Concello acceder a estas propiedades privadas en caso de ser necesario.

Os populares piden tamén que se requira aos propietarios dos solares que se atopan colmados de maleza nas traseiras da rúa Santa Clara, nas inmediacións da pasarela do río en dirección Ponte Vella, para que procedan á súa limpeza.

Regatos e solares municipais

O Grupo Municipal Popular sinala, por outra banda, a necesidade de manter limpas as contornas das canles fluviais ao seu paso polo casco urbano; así coma os solares de titularidade pública.

De feito, “este grupo tivo coñecemento a través dos veciños do entorno do regato Zapardiel da presenza de ratas entre a maleza que fai insalubre o entorno das súas vivendas”, asegura Julia Rodríguez. Tamén advirte a popular da “necesidade de limpar os solares de titularidade municipal ateigados de maleza”.







Novas

Redes Sociais