Novas

24, agosto, 2018

Os populares monfortinos suxiren incorporar máis medios á procura deste usuario de Prodeme; xa que “fai moitos días que permanece en paradoiro descoñecido”

O Grupo Municipal Popular pídelle ao alcalde de Monforte que solicite a colaboración de Protección Civil e da unidade de drons da AXEGA na procura de “Misi”

-A voceira municipal, Julia Rodríguez, propón a difusión da información sobre esta desaparición por toda Galicia

O Grupo Municipal Popular de Monforte mantén contacto con Prodeme para coñecer as últimas novidades sobre a desaparición de Carlos Yáñez, máis coñecido como “Misi”. Ante a falta de novas, úrxelle ao alcalde a solicitar a colaboración dos voluntarios de Protección Civil que contan con “formación específica” e da unidade de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Os populares poñen en valor a preocupación amosada polos veciños e veciñas, tamén a través das redes, ante a desaparición de “Misi” do centro de Prodeme dende o pasado 3 de agosto; e, sobre todo, o traballo de persoas voluntarias na súa procura. Igualmente aplaude a solicitude que o alcalde cursou ante o Consorcio Provincial de Bombeiros para requirir recursos para a busca de persoas desaparecidas.

A voceira popular, Julia Rodríguez, fixo traslado tamén da preocupación deste Grupo ante o descoñecemento sobre o paradoiro de “Misi”. E, nese sentido, Rodríguez afonda na necesidade de incrementar os medios para a súa procura porque “fai xa moitos días que permanece desaparecido”.

Difusión por toda a comunidade

O Grupo Municipal Popular pídelle, polo tanto, ao alcalde que empregue os recursos ao seu alcance para difundir a información sobre a desaparición de “Misi” por toda a comunidade; xa que “pode que non estea nin no noso concello nin na comarca nin na provincia”.

Novas

Redes Sociais