Novas

6, setembro, 2018.

Isto revela para a voceira municipal “unha irresponsabilidade por parte do socialista e unha falta de interese e sensibilidade por traballar a prol da igualdade e contra a violencia de xénero”

“É especialmente grave coñecer que Tomé nunca solicitou as axudas da Xunta para a conciliación e a prevención da violencia de xénero dende que é alcalde”, afirma Julia Rodríguez

-A líder dos populares monfortinos destaca que existe “un claro desentendemento” por parte dos socialistas, sobre todo, “tendo en conta que, no que vai de verán, se produciron dou casos de agresións sexuais a menores no entorno familiar”

-Defende que “se o Concello non ten solicitado estas axudas, a Xunta non é a responsable de non ter achegado financiamento a este tipo de programas”, e anuncia que, no vindeiro Pleno, se interesará polos motivos polos que o alcalde declinou a solicitude destas axudas

-O grupo municipal popular pon en valor os máis de 460.000 euros que a Xunta ten achegado ao Concello dende o 2009 para o mantemento do CIM e outros programas de igualdade e prevención da violencia de xénero ata o 2014

“É especialmente grave coñecer que Tomén nunca solicitou as axudas da Xunta para a conciliación e a prevención da violencia de xénero dende que é alcalde”. Así de contundente se manifesta a voceira dos populares de Monforte, Julia Rodríguez, logo de que a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, lle confirmase este dato na Comisión parlamentaria celebrada no día de onte.

Neste senso, Rodríguez considera que “esta circunstancia revela unha irresponsabilidade e unha falta de interese e sensibilidade do goberno local por traballar a prol da igualdade e contra a violencia de xénero cando se teñen producido, no que vai de verán, dous casos de agresións sexuais a menores no entorno familiar”. Isto reflicte para a popular que existe “un claro desentendemento” por parte dos socialistas e que “hai moito traballo por facer”.

Por tanto, a líder dos populares monfortinos defende que “se o Concello non ten solicitado estas axudas, a Xunta non é a responsable de non ter achegado financiamento a este tipo de programas”, e anuncia que, no vindeiro Pleno, se interesará polos motivos polos que o alcalde declinou a solicitude destas axudas.

Deste xeito, Julia Rodríguz desmente as declaracións da concelleira de Igualdade nas que aseguraba que a administración autonómica non lle concedía ao Concello de Monforte axudas en materia de igualdade e para a sensibilización contra a violencia de xénero. É máis, a popular destaca que “a secretaría xeral de Igualdade ten incrementado as axudas a entidades locais nos últimos anos”.

Máis de 460.000 euros dende o 2009

Os populares monfortinos poñen en valor que a Xunta achegue axudas ao Concello en materia de promoción de igualdade e prevención da violencia de xénero.

De feito, a voceira municipal do PP, Julia Rodríguez, destaca “os máis de 460.000 euros que o departamento autonómico achegou dende o 2009 ao Concello de Monforte para financiar o programa de apoio ao centro de información ás mulleres (CIM) que xestiona en solicitude agrupada xunto aos municipios de Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober; e para os programas de fomento da conciliación e prevención e tratamento integral da violencia de xénero ata o 2014”. Dende o 2015, apunta a popular, “o Concello só solicitou axudas para o mantemento do Centro de Información á Muller que na anualidade do 2018 supuxeron unha achega de 46.398,28 euros”.

Actitude “machista” do alcalde

A voceira popular, Julia Rodríguez, asegura ademais que “as expresións que dirixe o alcalde e o seu portavoz ás portavoces da oposición denotan unha actitude machista que xa temos criticado en múltiples ocasións. Pero, aínda por riba, o feito de que, dende que é alcalde, deixara de pedir as axudas para programas de conciliación e prevención e tratamento da violencia de xénero reflicte unha falta de sensibilidade cara ás mulleres que sofren esta inaceptable lacra”.





Novas

Redes Sociais