Novas

Sábado, 11 de outubro de 2013

Consideran que se tata dun patrimonio "digno da maior protección", polo que traballarán da man da Xunta, o Estado e as Deputacións para preservar e dar a coñecer "o enorme potencial do noso territorio"

Alcaldes e portavoces do PP ven na declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade "a mellor ponte de unión co resto do mundo"

Os representantes políticos populares dos trece concellos lucenses que optan á distinción acordaron unir forzas para impulsar a candidatura e trazaron a folla de ruta que os guiará na súa tramitación

Os alcaldes e portavoces do PP na zona sur mantiveron estes días varios encontros nos que decidiron unir as súas forzas e traballar de xeito conxunto para alcanzar a distinción de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, un cometido que poñerán ademais en común co resto de alcaldes e portavoces da parte ourensá e que tamén avala a dirección do PP a nivel provincial.

Os alcaldes e portavoces de Taboada, Chantada, Sober, Paradela, Portomarín, Bóveda, Carballedo, Monforte, O Saviñao, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Pantón coinciden ao sinalar que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade será "a mellor ponte de unión co resto do mundo", un vínculo que se crea no presente e que se irá forxando a medida que se vaian dando os pasos necesarios ata alcanzar a distinción da Unesco.

Os representantes do PP na Ribeira Sacra lucense consideran que o patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e artístico da zona son dignos da maior protección, polo que acordaron traballar de xeito conxunto coa Xunta, o Estado e as Deputacións provinciais para preservar e dar a coñecer "o enorme potencial do noso territorio".

Folla de ruta

Nas reunións mantidas acordouse tamén a folla de ruta que guiará a actuación dos alcaldes e portavoces do PP. Así, manterán unha reunión con técnicos da Xunta para coñecer o estado do expediente e o grado de desenvolvemento da proposta que se enviará á Unesco e os pasos a seguir. Referendaron ademais a presentación nos doce concellos de mocións nas que se pedirá o apoio para o impulso da candidatura e requirirase a necesaria colaboración do Goberno autonómico e do estatal.

Os membros participantes nas reunións de alcaldes e portavoces populares adoptaron fixar un equipo coordinador de todo o traballo que vaia a realizarse a partir de agora. Por parte dos alcaldes o coordinador será o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, mentres que Julia Rodríguez asume a mesma designación como representantes dos portavoces. "Trátase de levar a cabo unha actuación conxunta que nos permita avanzar e tomar decisións que a recado redundarán no futuro da economía da zona".

Agradecemento a Manuel Fraga

Os alcaldes e portavoces do PP quixeron ademais facer unha mención explícita ao traballo realizado desde o ano 1996 pola Xunta, baixo o mandato do presidente Manuel Fraga, xa que alcanzou a inclusión como documento previo na lista provisional da Unesco, o requisito básico para empezar a tramitación para o recoñecemento da Ribeira Sacra como Ben Mundial.

Novas

Redes Sociais