Novas

14, setembro, 2018

A voceira popular, Julia Rodríguez, participou hoxe na presentación da Plataforma en Defensa do Ferrocarril Público da comarca de Lemos

A inclusión no Corredor Atlántico, o impulso do Porto Seco, a mellora da liña Lugo-Ourense ou a supresión de pasos a nivel son algúns dos compromisos dos populares co ferrocarril

-Os populares monfortinos destacan “a importancia desta plataforma en defensa do ferrocarril que permitirá traballar conxuntamente a prol do impulso e mellora dos servizos ferroviarios para a cidade e o sur de Lugo”

-Julia Rodríguez considera que o seu partido “ten avanzado nestes anos en cuestións moi importantes para o ferrocarril e para a nosa cidade como nó loxístico”

-Un exemplo do compromiso do PP co ferrocarril é o investimento de preto de 20 millóns de euros por parte da Xunta para o desenvolvemento do Porto Seco como plataforma loxística e na execución das súas conexións por estrada”

-O Grupo Municipal aplaude, así mesmo, a incorporación do noroeste español ao trazado do Corredor Atlántico tralas xestións dos Gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León

O Grupo Municipal Popular de Monforte reitera o seu apoio ao ferrocarril sumándose á Plataforma en Defensa do Ferrocarril Público da comarca de Lemos que reclama unha mellora dos servizos ferroviarios tanto de viaxeiros como de mercadorías, o reforzo da súa seguridade e unha maior frecuencia dos servizos rexionais que respondan ás necesidades dos usuarios. Outras das reivindicacións que recolle a plataforma no seu manifesto e que reciben o apoio dos populares monfortinos son a instalación dun ascensor na estación e a promoción do Porto Seco.

A voceira popular en Monforte, Julia Rodríguez, considera que o seu partido “ten avanzado nestes anos en cuestións moi importantes para o ferrocarril e para a nosa cidade, pero compre seguir traballando para materializar eses proxectos e que non queden nun caixón”.

A este respecto, Rodríguez destaca “a importancia desta plataforma en defensa do ferrocarril que permitirá traballar conxuntamente a prol do impulso e mellora dos servizos ferroviarios para a cidade e o sur de Lugo atendendo ao potencial económico que o transporte ferroviario de mercadorías representa para a nosa cidade como nó loxístico”.

Promoción do Porto Seco e incorporación ao Corredor Atlántico

A popular recorda que “xa temos levado ao Parlamento de Galicia a promoción do Porto Seco e a súa conversión nun centro referente do movemento de mercadorías xerador de riqueza para o sur da provincia de Lugo”. Neste sentido, “a Xunta leva realizado un investimento próximo aos 20 millóns de euros no desenvolvemento desta plataforma loxística e na execución da súa conexión coa estrada LU-933 que ten previsto prolongarse ata conectala coa N-120”, indica.

Rodríguez aposta pola potencialidade do ferrocarril e, polo tanto, recoñece o traballo realizado polos populares para a inclusión dos portos galegos no Corredor Atlántico de transporte de mercadorías. De feito, a Comisión Europea facía pública o pasado mes de xuño a incorporación do noroeste español ao trazado do Corredor Atlántico trala demanda conxunta de Galicia, Asturias e Castela e León plasmada na Declaración institucional asinada en Santiago de Compostela o 9 de outubro de 2017.

Outras mostras do compromiso do Partido Popular co ferrocarril tradúcense “no apoio á mellora da liña Lugo-Ourense e no seu compromiso coa chegada do AVE a Galicia a través do anuncio do ex ministro popular Íñigo de la Serna de achegar 283 millóns de euros para rematar a conexión entre Lugo e Madrid en menos de catro horas”, indica a voceira popular monfortina.

Eliminación dos pasos a nivel

A Comisión de Entidades Locais do Senado aprobaba, recentemente, unha moción do Partido Popular que reclamaba, en colaboración coas Comunidades Autónomas, Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, que se aceleren os prazos de execución da eliminación dos pasos a nivel da rede ferroviaria para mellorar a seguridade dos termos municipais afectados.

Neste sentido, o Grupo Municipal Popular de Monforte xa defendera tamén no mes de abril no Pleno da Corporación local instar ao Goberno do Estado a que o Adif priorice a eliminación dos pasos a nivel existentes na cidade do Cabe e, mentres esta non se produce, a incrementar as medidas de seguridade.



Novas

Redes Sociais