Novas

22, setembro, 2018

Estes dous novos incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria do servizo de augas, Aqualia-FCC, chegarán a Pleno da man dos Grupo Municipal Popular

-O PP de Monforte reclama a execución dun parque acuático e a apertura en horario completo da oficina do servizo de augas

-A voceira popular, Julia Rodríguez, explica que “a oficina de atención ao público de Aqualia permanece aberta só catro horas polas mañás, cando no contrato se establece un horario de oito horas de mañá e tarde”

-A construción dun parque acuático no entorno do río Cabe era unha das melloras polas que Aqualia acadaba unha maior puntuación no concurso público de concesión do servizo de augas, pero “16 veráns despois Monforte non dispón desta insfraestrutura porque, de novo, o alcalde non se interesa por facerlle cumprir o contrato”, apunta Rodríguez

“O interese dunha instalación deste tipo en termos económicos, de creación de emprego, de reclamo turístico e de repercusión para o resto dos sectores da comarca é evidente”, asegura a popular

O Grupo Municipal Popular de Monforte levará ao pleno de setembro novos incumprimentos da empresa concesionaria do servizo de augas, Aqualia –FCC. Nesta ocasión, os populares inciden no incumprimento do horario de apertura da oficina de atención ao público e sobre a execución dun Parque Acuático no entorno do río Cabe.

Os populares monfortinos explican que “a oficina de atención ao público de Aqualia permanece aberta de luns a venres de nove da mañá a unha do mediodía. Polo tanto, a concesionaria ofrece a metade das horas de atención ao público establecidas no contrato e só en horario de mañá, cando o contrato recolle oito de mañá e tarde”. E, este incumprimento “repercute nos usuarios”.

Parque Acuático

A voceira municipal popular, Julia Rodríguez, insiste en que “un dos incumprimentos máis graves en que ten incorrido a empresa concesionaria relaciónase coas melloras ofertadas no seu día e que determinaron a súa adxudicación dado que a puntuación acadada por ese concepto foi a máxima respecto do resto das empresas que se tiveran presentado ao concurso”.

Unha destas melloras, como recolle o punto h/ 4 do sobre B do tomo VI, é a relativa á execución dun parque acuático en Monforte de Lemos. A proposta pretendía recuperar o entorno do río Cabe como parque de ocio que tivese a auga como elemento condutor, pero que contaría con atraccións e tobogáns acuáticos, sistema de xogos interactivos, elementos de rocas artificiais e equipamentos e sistemas para o tratamento de augas e sistemas de depuración, entre outros elementos.

“O interese dunha instalación deste tipo, tanto en termos económicos e de creación de emprego coma polo reclamo que supón e a repercusión de actividade no resto dos sectores da comarca, é evidente. Ademais, así queda acreditado polos resultados dun parque de características semellantes, en superficie e instalacións, como é o parque acuático de Cerceda”, engade Rodríguez. “Tendo en conta que a climatoloxía en Monforte en verán é infinitamente mellor que a de Cerceda, o parque de Monforte tería sido un reclamo e elemento dinamizador determinante para o sur de Galicia, ademais dun importante xerador de emprego en época estival”, manifesta a voceira popular monfortina.

“É un gran prexuízo para Monforte de Lemos non ter executado un parque acuático nos primeiros meses do 2002 de cara a poñela en funcionamento no verán dese mesmo ano, tal e como recolle o contrato con Aqualia”. Sobre todo, engade a popular, “tras coñecer a aprobación da construción, implantación e posta en funcionamento dun parque acuático dunha superficie aproximada de 35.000 metros cadrados na cidade de Ourense, na liña do comprometido para Monforte que continúa sen esta infraestrutura 16 veráns despois porque, de novo, o alcalde non se interesa por facerlle cumprir o contrato a Aqualia”, lamenta Rodríguez.

Infinidade de incumprimentos

A voceira recorda que “este grupo ten formulado infinidade de iniciativas instando ao Goberno local a esixir a esta concesionaria o cumprimento do contrato resultando todas infrutuosas pola falta de vontade que amosa o alcalde”. De feito, “non nos constan requirimentos a empresa neste sentido, nin en consecuencia, expedientes sancionadores por ter desobedecido incumprimentos en materia de localización e eliminación de fugas, en materia de vixilancia e control de vertidos, limpeza de sumidoiros, execución das melloras comprometidas ou reparación de avarías”, explica.

Nesta ocasión, o Grupo Municipal do PP instará ao Goberno local a requirir á concesionaria o cumprimento do horario de apertura da oficina de atención ao público e á execución do parque acuático, a incoar os expedientes sancionadores que procedan no caso de que a concesionaria desobedeza os requirimentos. Finalmente tamén insta a determinar os efectos económicos destes incumprimentos que se estenden dende o 2001 ata a actualidade e a formular reclamacións polo prexuízos provocados.

Novas

Redes Sociais