Novas

24, setembro, 2018

A voceira dos populares monfortinos critica que “o alcalde minta conscientemente ou non se decate dos proxectos que el mesmo presenta”

Julia Rodríguez lamenta que “ao alcalde lle moleste que o PP lle faga propostas construtivas para Monforte”

-A popular explica que o proxecto recolle “a renovación da capa de rodadura da rúa Corredoira”, pero non “a construción de beirarrúas que lle propoñemos a través dunha moción”

-Os populares consideran “un risco que na rúa Corredoira, próxima ao unha área comercial e ao hospital comarcal, os peóns teñan que transitar pola calzada”

-Rodríguez cre que “a crispación do alcalde ante a nosa petición rebela o seu nerviosismo ante as eleccións municipais”

A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Julia Rodríguez, amósase “abraiada” pola “saída de ton do alcalde en relación ás obras da rúa Corredoira ao asegurar que pido cousas que xa están en licitación e que me equivoco porque traballo máis no Parlamento que no Concello”.

Rodríguez lamenta, nese senso, que “lle moleste ao señor Tomé que traballe dende o Parlamento por Monforte e que tanto o Partido Popular como o resto dos grupos lle fagan proposta construtivas no Concello”; pero avanza que “dende o Grupo Municipal Popular o seguiremos facendo”.

Igualmente os populares denuncian que “o señor Tomé minta consciente de que minte ou que conte cousas das que non se decata porque ámbalas dúas cousas son moi malas”. Por iso, aclaran dende o PP de Monforte “por se o alcalde non se quere enterar”. Precisamente, o rexedor local ten presentado o 6 de setembro “un proxecto de obras para a renovación da capa de rodadura que inclúe a sinalización e pintura, nos dous tramos dende o cruce do bar Carballo ata a Rolda e dende a Rolda ata o cruce coa estrada de Currelos”, explica a voceira municipal. “Dez días despois presentamos unha moción porque contemplamos que no proxecto non se contemplaba facer beirarrúas e, polo tanto, pedimos que se dotara destas infraestruturas neses dous tramos”, aclara.

Isto rebela para Rodríguez, “unha falta de rigor do señor Tomé, á que xa nos ten acostumados; ademais dunha incapacidade para escoitar as propostas que se lle fan dende a oposición, as asociacións ou os propios veciños”. A voceira popular considera que “o señor Tomé o que fai é arremeter contra calquera que lle propoña unha cuestión ou iniciativa aínda que sexa construtiva”. Nesa liña, “nós xa non agardamos que atenda ás peticións que se lle fan; pero si que escoite e responda ás necesidades dos monfortinos e monfortinas, que xestione ben os cartos que están nas súas mans e que son de todos porque nos vai enterrar en asfalto sen ter avanzado en dar resposta a outros problemas que presenta a cidade”.

Falta de seguridade viaria na rúa Corredoira

“O feito de que a xente teña que transitar pola calzada tanto no tramo superior coma no inferior constitúe un risco en relación á seguridade viaria”, aseguran os populares preocupados porque “a falta de beirarrúas non se corresponde coa situación da rúa nin co tránsito de peóns e vehículos que soporta a rúa Corredoira”.

Ante esta situación, dende o PP local recordan que “non é a primeira vez que o pedimos. De feito, xa llo pedimos a Severino Rodríguez fai moito tempo porque entendemos que é unha rúa céntrica que está próxima a unha superficie comercial e ao hospital comarcal e non pode estar a estas alturas sen beirarrúas”, puntualiza.

Rodríguez recoméndalle ao alcalde que “non se poña nervioso porque aínda falta moito para as eleccións”

A este respecto o Grupo Popular cre que “esta crispación porque se lle propoña que faga unhas beirarrúas onde nos as ten proxectadas contestando desta maneira só rebela que se está crispando e poñendo moi nervioso de cara ás eleccións”. Por iso, a voceira popular recoméndalle que “non se poña nervioso porque aínda queda moito” e porque “iso non é bo ninguén. Se non as quere facer que as deixe, pero que non arremeta contra quen lle propón unha iniciativa en beneficio e interese de tódolos veciños e veciñas”, conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais