Novas

26, setembro, 2018

A voceira popular de Monforte, Julia Rodríguez, recorda a condición da cidade como nó loxístico na Rede Básica de transporte ferroviario de mercancías, da Rede Transeuropea de Transportes, ao contar cunha importante estrutura loxística como é o Porto Seco e cunha estación de 14 vías e gran capacidade

O PP defende a condición de Monforte como nó loxístico na rede transeuropea de transporte ferroviario de mercancías

-Os populares destacan o investimento de preto de 20 millóns de euros para o desenvolvemento do Porto Seco e a súa conexión coa estrada LU-933 e proximamente coa N-120

-Rodríguez lamenta que “se queira polemizar con esta cuestión como se fixo no seu día coa A-76” porque “só serve para prexudicar a todos”

-Os deputados do PP de Lugo no Congreso amosan o seu “claro apoio” á ubicación en Monforte da porta de entrada e saída de mercancías de Galicia do Corredor Atlántico e preguntan ao Goberno pola súa posición ao respecto

O PP de Monforte defende o trazado da rede básica transeuropea de transporte ferroviario de mercancías por Monforte, así coma a súa condición de nó loxístico.

A voceira popular no municipio, Julia Rodríguez, recorda que “Monforte conta cunha estación con 14 vías e capacidade para atender as necesidades como nó loxístico e cunha importante infraestrutura loxística, o Porto Seco, que ten recibido un investimento da Xunta de preto de 20 millóns de euros para o seu desenvolvemento e para a súa conexión coa estrada LU-933 que está previsto alongar ata a N-120”. Así, defende o Porto Seco como “centro referente do movemento de mercadorías xerador de riqueza para o sur da provincia de Lugo”.

Igualmente, os populares destacan a inclusión de Monforte, como nó loxístico no trazado que se reivindica para incluír no Corredor Atlántico de transporte de mercadorías e para os que xa se deron os primeiros pasos por parte da Comisión Europea o pasado mes de xuño trala demanda conxunta de Galicia, Asturias e Castela e León plasmada na Declaración institucional asinada en Santiago de Compostela o 9 de outubro de 2017.

A voceira do PP de Monforte lamenta, que “se queira polemizar con esta cuestión como se fixo no seu día coa A76” porque, segundo considera, “só serve para prexudicar a todos nun asunto no que temos que traballar cunha voz e proposta única”.

Vías de comunicación con Ourense

Rodríguez apunta que “atendendo ás demandas conxuntas dos deputados lucenses e ourensáns, o Goberno de Mariano Rajoy iniciara co anuncio de licitación o procedemento para a execución do proxecto de trazado e construción da Autovía A-76 Ponferrada-Ourense no tramo da ligazón de Monforte Este – Babela”. E, co recente anuncio de formalización dun contrato de redacción dos proxectos, “os usuarios da N-120 veranse beneficiados por un itinerario alternativo e de grandes capacidades que supón unha mellora para a súa seguridade, ademais dunha redución do tempo de desprazamento”, explica.

Polo tanto, “Monforte verá melloradas aínda máis as súas vías de comunicación, incluíndo as que comunican a cidade do Cabe coa cidade das Burgas, que facilitarán a promoción do Porto Seco como centro integral de transporte de mercancías”.

O PP pregunta no Congreso pola posición do Goberno

Os deputados populares no Congreso, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, comparten esta postura e amosan o seu “claro apoio” á ubicación en Monforte da porta de entrada e saída de mercancías de Galicia do Corredor Atlántico.

Nese senso, veñen de presentar hoxe mesmo unha batería de preguntas esixindo ao Goberno que clarifique esta cuestión á vista das últimas e contraditorias noticias. Por iso, “coñecendo a aposta da Xunta por Monforte de Lemos coma o principal nó loxístico de mercancías de Galicia”, os deputados preguntan pola posición do Goberno en relación a este asunto.

Novas

Redes Sociais