Novas

Martes, 15 de outubro de 2013

Os populares fanse eco das peticións de numerosos veciños que ven a subida "desproporcionada"

O PP pedirá no Pleno que se repoñan as taxas do cemiterio anteriores ao incremento

O Grupo Municipal do PP considera que antes de modificar a ordenanza do cemiterio o Goberno local tería que adoptar medidas de contención do gasto

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que se modifique a ordenanza reguladora da taxa por prestación de servizos no cemiterio, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres mediante a reposición das súas tarifas ás existentes antes da súa modificación no pleno do catro de xuño de 2012.

Os populares recordan que entre as ordenanzas aprobadas nese Pleno figuraba a do cemiterio cuxa modificación deu lugar a un incremento do 5% das tarifas de concesións, alugueres, licenzas de obras e instalacións e licenzas para inhumacións e traslados do cemiterio municipal. Ademais, incrementouse a cota por atencións no camposanto, de maneira que o pago anual por cada sepultura, cabida, oco ou altura pasou de 3,29 euros a 10 con efectos do 1 de xaneiro de 2013.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que esta subida "está ocasionando un gran malestar entre os veciños ao vela desproporcionada". Os titulares dun nicho con tres ocos, que son moitos, pasan de pagar 9,87 euros a 30 euros ao ano. Rodríguez subliña que o Grupo Municipal Popular advertiu nos correspondentes plenos da súa oposición a un incremento tan importante de impostos e taxas, propoñendo que se adoptasen medidas de contención do gasto.

Plan de axuste

Os populares explican na súa moción que o plan de axuste do Concello de Monforte se aprobou cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e PSOE, logo de dar conta o equipo de Goberno da imperiosa necesidade de acollerse ao plan de pago a provedores ante a crítica situación económica que se atravesaba.

No marco deste pago a provedores o Pleno de maio de 2012 acordou a concertación dunha operación de crédito por dez anos con dous de carencia por un importe de 583.541 euros grazas aos votos a favor do BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP.

Os populares mostraron a súa oposición, como se fixera desde un principio, a un plan de axuste que incidía na obtención de maiores ingresos pola vía do incremento de impostos e taxas, sen articular ningunha actuación dirixida á contención do gasto.

A operación de crédito que deu validez ao plan de axuste e á modificación de tarifas que incorporaba foi aprobada no Pleno extraordinario de maio de 2012 coa abstención do PSOE e o voto de calidade do alcalde ao producirse un empate entre os votos a favor do BNG e os votos en contra do PP, debido á ausencia dun concelleiro do equipo de Goberno.

Julia Rodríguez aclara que, tras ese trámite, e ata aprobada a operación de crédito, para que a aplicación das novas tarifas do plan de axuste puidese levarse a cabo era preciso modificar as Ordenanzas Fiscais do Concello, circunstancia que se produce no Pleno de xuño de 2012. Novamente apróbanse co voto de calidade do alcalde, ao producirse un empate entre os votos a favor do BNG e os votos en contra do PP e debido á ausencia dun concelleiro do equipo de Goberno. O PSOE abstívose.

Novas

Redes Sociais