Novas

9, outubro, 2018

Os populares insisten en que “o alcalde acusa á Xunta de sectarismo político para esconder a súa mala xestión ao non solicitar axudas da administración autonómica"

O PP de Monforte asegura que “o alcalde busca escusas de mal pagador” para xustificar “a súa falta de traballo”

A voceira municipal, Julia Rodríguez, indica que “outros Concellos non gobernados polo PP si se teñen beneficiado de axudas da Xunta”

Os populares recordan que “a Xunta concedeu un obradoiro de emprego dual e outro para menores de 30 anos aos Concellos de Lugo e Ribadeo”

O Grupo Municipal do PP de Monforte acusa ao alcalde de empregar “escusas de mal pagador” coas que “xustificar a súa falta de traballo e mala xestión á fronte do Concello”. Así responde a voceira popular, Julia Rodríguez, ao rexedor socialista tras acusar á Xunta de sectarismo político no reparto de axudas; xa que “a única razón pola que Monforte non recibe axudas é porque o propio Concello non as solicita”.

De feito, no caso das axudas para o desenvolvemento de obradoiros de emprego son os Concellos de Lugo e Ribadeo cunha alcaldesa socialista e un nacionalista, respectivamente, os únicos na provincia aos que lles foron concedidos dous: un dual e outro para menores de 30 anos. Isto demostra que “se Monforte non conta cun obradoiro xuvenil é porque non o pediu”.

Rodríguez defende, xa que logo, que “o alcalde monfortino non pode falar de discriminación partidista cando nin sequera presenta as solicitudes correspondentes”. Nese sentido, pídelle que “non empregue o sectarismo como escusa” porque “concellos como o de Trabada, con alcaldesa socialista, si recibiron axudas do Plan Urbe”. Así, a voceira popular insta ao rexedor a consultar coa rexedora deste municipio mariñán “a forma correcta de pedir estas axudas se el non sabe”.

“Nefasta xestión socialista”

Os populares recordan, igualmente, que “outros Concellos non gobernados polo PP si se teñen beneficiado de axudas da Xunta”. Así, por exemplo, “son moitos os Concellos da provincia que reciben axudas para o desenvolvemento de programas contra a violencia de xénero”, mentres que Monforte non se pode ver beneficiado destas axudas da Xunta “porque o rexedor local non as solicita”. Julia Rodríguez afonda, polo tanto, na “falta de sensibilidade con esta problemática que demostra, unha vez máis, a nefasta xestión do alcalde socialista”.

Novas

Redes Sociais