Novas

22, outubro, 2018

A voceira popular no municipio cre que “é a súa incompetencia o que castiga aos veciños e veciñas e non o Goberno da Xunta”

Julia Rodríguez: “Os orzamentos da Xunta deixan en evidencia a incapacidade do alcalde de xestionar axudas para Monforte”

-Os populares monfortinos recordan que “xa denunciamos moitas veces a cantidade de axudas que non pide o alcalde”

-O Grupo Municipal Popular leva anos pedíndolle que faga o saneamento de Calvos, pero “o alcalde non é capaz de formalizar ningún convenio”

-Julia Rodríguez tamén lamenta a ausencia de iniciativas por parte do rexedor local no eido do patrimonio cultural ou da mobilidade de terras que demostran “a súa falta de interese” ao respecto

A voceira popular de Monforte e parlamentaria autonómica, Julia Rodríguez, asegura que “os orzamentos da Xunta para o 2019 reflicten a inacción e a incapacidade de xestión do señor Tomé. A súa incompetencia si que castiga aos veciños e veciñas de Monforte e non o Goberno autonómico como el manifestou”.

Rodríguez recorda que “xa denunciamos moitas veces a cantidade de axudas que non pide o alcalde; pero a súa incapacidade para xestionar axudas para Monforte queda aínda máis claro vendo o que reciben e xestionan os concellos limítrofes como Sober ou Pantón”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular cren que “está obsesionado co asfalto e non é capaz de ver máis alá”.

En alusión ás comparacións que realizou o rexedor monfortino cos investimentos da Xunta para o municipio de Sober, a voceira popular insístelle en que “o alcalde de Sober si ten realizado convenio coa Xunta para o saneamento das parroquias. Pola contra, dende o Grupo Municipal Popular de Monforte levamos anos pedíndolle que faga o saneamento de Calvos e os propios veciños de Moreda tamén levan tempo pedíndolle o mesmo. Pero, non foi capaz de formalizar ningún convenio porque nin sequera o pide”, explica.

Igualmente, o Concello de Sober beneficiarase de 400.000 euros para a rehabilitación de vivendas municipais que compra en mal estado e a baixo prezo; pero “o señor Tomé non é capaz de pedir estas axudas para Monforte”. E o mesmo sucede en materia de turismo ou patrimonio cultural. Precisamente neste último eido “dende o Grupo Popular témoslle pedido que procurase financiamento doutras administracións para o rehabilitación do tramo da muralla de titularidade municipal, pero non foi capaz de xestionar nada nin de liderar este proxecto. Mesmo votou en contra da nosa proposta”, aseguran os populares.

“O alcalde, sen iniciativas para o eido agrario”

A falta de axudas no eido da mobilidade de terras tamén se debe “á falta de interese por parte do alcalde monfortino” porque “non presentou ningunha iniciativa neste sentido. É máis, votou en contra cando lle solicitamos que declarase Monforte zona de actuación intensiva co obxectivo de favorecer actuacións no ámbito agrario”, conclúe a voceira popular de Monforte.

Novas

Redes Sociais