Novas

26, outubro, 2018

Así o manifesta a voceira dos populares no Concello de Monforte tras coñecer a sinatura do convenio entre a administración autonómica e a local para o financiamento do plan de sinalizacións turísticas no municipio

Julia Rodríguez: “A Xunta cumpre con Monforte cando o Concello si solicita axudas”

-Dende o Grupo Municipal Popular poñen en valor a achega por parte da Xunta do 65% do orzamento do proxecto que afectará á promoción dos puntos de interese turístico do núcleo urbano e á instalación de indicadores do Miradoiro do Duque

-A popular insiste na “necesidade de solicitar axudas como paso imprescindible para conseguir financiamento da administración autonómica” e atribúe a perda de axudas “á falta de implicación e traballo desde a alcaldía”

“A Xunta ten disposición de apoiar os proxectos para Monforte, na medida do posible, sempre que o Concello cumpra a súa parte e solicite as axudas correspondentes”. Así o manifesta a voceira popular, Julia Rodríguez, despois de coñecer que a Xunta ven de asinar un convenio para o financiamento do plan de sinalización turística que permitirá mellorar a promoción dos puntos de interese do núcleo urbano e instalar indicadores do Miradoiro do Duque dende as diferentes vías de acceso. A ese respecto, a popular pon en valor o investimento da Xunta de Galicia que “aportará 9.130 euros, o 65% do orzamento do proxecto”.

Julia Rodríguez explica que “a administración autonómica segue criterios obxectivos para a adxudicación de axudas aos proxectos que se lle presentan. A pesar de non ser concedida antes, agora por orde de puntuación Monforte verase beneficiado desta axuda que, de non ter solicitado non podería ser así. É o caso doutras liñas de apoio en materia de igualdade, saneamento para as parroquias, rehabilitación de vivendas ou para a mellora de equipamentos e infraestruturas urbanas, por exemplo, que o Goberno local non ten solicitado e, polo tanto, a Xunta non lle pode conceder”, recorda Rodríguez. A popular insiste “na necesidade de solicitar axudas como paso imprescindible para conseguir financiamento da administración autonómica”.

Falta de implicación do alcalde

“A Xunta si responde ás necesidades de financiamento para os proxectos municipais ante a falta de implicación e traballo do rexedor local”, considera Julia Rodríguez que acusa ao socialista de “estar só ao seu” e non mirar, polo tanto, “polo beneficio dos veciños e veciñas”.

A voceira do Grupo Municipal Popular recorda que “nunca solicitou as axudas que cada ano convoca a Xunta destinadas á mellora dos equipamentos e infraestruturas urbanas. Dende que el é alcalde Monforte tampouco ten solicitado axudas para a conciliación e a prevención da violencia de xénero. Pero tampouco se ten preocupado por buscar un convenio coa Xunta para desenvolver o saneamento nas parroquias ou rehabilitar vivendas de propiedade municipal como teñen feito noutros concellos da zona para os que a Xunta recolle partida orzamentaria específica para o ano 2019”, conclúe.

Novas

Redes Sociais