Novas

17 de decembro, 2018

O Grupo Municipal do PP vén de rexistrar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que pide que se dea de lado calquera proposta que desbote unha conexión directa por autovía entre Monforte e Ourense, ao considerala determinante para o futuro das comarcas de Valdeorras e Lemos

O PP reproba que o alcalde “traizoe” de novo aos monfortinos ao propoñer deixalos sen conexión directa por autovía entre a cidade e Ourense

-Julia Rodríguez defende que se siga avanzando e se definan compromisos reais na redacción e execución dos proxectos do trazado da A-76 entre Ponferrada e Ourense por Monforte

-A popular cuestiona que o alcalde socialista non busque compromisos en relación aos tramos que están en redacción ou licitación e, pola contra, apoie propostas que duplicarán os quilómetros de distancia entre Monforte e Ourense

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte considera “inaceptable” que o alcalde propoña renunciar a unha infraestrutura viaria que permitiría conectar Monforte con Ourense por autovía e no seu lugar opte polo impulso da autovía entre Lugo e Ourense, que deixará aos monfortinos sen unha conexión directa coa capitalidade ourensá. Para os populares é “totalmente reprobable” ao tempo que consideran unha “traizón” que un rexedor que “debería alzar en defensa dos intereses da súa localidade, opte por causar prexuízos aos seus veciños e impulsar un atropelo desmedido á cidade”. Dende o PP lembran que “o agravio que propón o alcalde para Monforte se volve a repetir. O Concello xa resultou castigado ao quedar fora do trazado das autovías que conectan Galicia coa Meseta. Este lamentablemente é o legado do PSOE na localidade”

Moción do Grupo Municipal do PP

Ante esta situación, o Grupo Municipal do PP vén de rexistrar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria a través da que insta ao Concello a que rexeite calquera proposta que implique “demorar ou non completar a execución da A-76 entre Ponferrada e Ourense, pasando por Monforte”. Ademais, nesta iniciativa plenaria, tal e como explica a voceira do Grupo Popular, Julia Rodríguez, tamén se insta ao Ministerio de Fomento a que siga “avanzando e defina compromisos reais na redacción e execución dos proxectos do trazado da A-76 entre Ponferrada e Ourense por Monforte”.

Os populares levan a Pleno esta moción ao considerar “negativo” para Monforte que se desbote este proxecto de comunicar Ponferrada con Ourense a través da cidade e se propoña, tal e como apoia o alcalde monfortino, “que a A-76 finalice na cidade monfortina e se promova unha autovía entre Monforte e Chantada, onde conectaría coa futura autovía entre Lugo e Ourense”. Ademais, segundo precisa Julia Rodríguez, “hoxe mesmo vemos como o Goberno socialista aposta por impulsar a autovía Lugo-Ourense, é dicir, o alcalde ve con bos ollos que se desbote a conexión directa de Monforte coa cidade das Burgas”.

O Grupo Municipal do PP expón na súa moción que “propoñer que a A-76 chegue unicamente a Monforte, para volver despois sobre unha posible autovía que una a nosa cidade con Chantada, coa expectativa de que se conecte coa infraestrutura Lugo-Ourense, é máis rebuscado e dificultoso que a idea sobre a que se leva anos traballando, que non é outra que comunicar Monforte con Ourense e Ponferrada, de modo directo por autovía”.

Duplícanse os quilómetros entre Monforte e Ourense

Ante esta situación, os populares analizan que os impulsores da nova proposta xustifican a nova comunicación “nas dificultades que podería atoparse a conexión directa por autovía ao seu paso por Os Peares e, por conseguinte, a afección que podería ter de cara a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”. Pero, segundo precisa Julia Rodríguez, “ignoran que estas dificultades tamén se poderían dar na nova proposta e mesmo omiten que a distancia entre Monforte e Ourense por Chantada case se duplicaría, ademais de que estamos a renunciar a unha conexión directa coa capital de Ourense, coa repercusión e os beneficios que isto tería non só para Monforte senón tamén para todo Valdeorras”.

Dende o Grupo Municipal Popular consideran “moi cuestionable” que a reunión que mantiveron cos responsables do Ministerio de Fomento “non fose empregada para acadar compromisos reais en relación aos tramos que están en redacción ou licitación e, en cambio, poñan sobre a mesa unha nova proposta que “parece máis un intento de demorar novamente a A-76 e mesmo poñen en risco o desenvolvemento dunha infraestrutura que é determinante para o futuro das comarcas de Valdeorras e de Lemos”.

Julia Rodríguez considera que “non é entendible que os rexedores de Monforte e o Barco de Valdeorras, renuncien a esta conexión directa con Ourense”. Para a popular “compre que o Ministerio de Fomento siga a avanzar na redacción e execución dos proxectos do trazado que se teñen definido entre Ponferrada e Ourense, por tramos, sen prexuízo das correccións necesarias para salvar as dificultades xurdidas nos Peares”. E, polo tanto, “é necesario rexeitar calquera proposta dirixida a demorar ou non completar a execución da A-76 entre Ponferrada e Ourense por Monforte”.

Antecedentes

Os populares lembran que a A-76 leva 15 anos en tramitación dende que se iniciara en 2005. Dende o ano 2014 “empezou a avanzar de xeito real e precisamente un dos tramos nos que se ten avanzado é na redacción do proxecto da circunvalación de Monforte”. De igual xeito, “pese aos diferentes avatares que ten sufrido esta vía, dende propostas de diferentes trazados ata reclamacións veciñais, a realidade é que nunca se cuestionou o feito de que se trataría dunha infraestrutura que uniría Ponferrada con Ourense pasando por Monforte”, matizan.

Novas

Redes Sociais