Novas

19 de decembro, 2018

Os populares explican que non hai constancia da formalización da cesión do uso ou do dereito de superficie que ampare a situación xurídica dos depósitos de augas de Cornao pese a que o seu asentamento nestes terreos da parroquia de Ribasaltas implica que os veciños teñen que soportar o incremento do valor catastral do monte ademais de non obter ningún rendemento forestal onde se localizan os depósitos

O Grupo Municipal do PP pide que o Concello regule o uso dos depósitos de auga que abastecen Monforte coa comunidade de Cornao e San Roque

-Julia Rodríguez pon de manifesto tamén a necesidade de que o Concello inste á concesionaria a que leve a cabo un axeitado mantemento e conservación dos depósitos, renove as conducións deterioradas ademais de que mellore a seguridade destas instalacións

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pedirá no Pleno que o Concello regularice, a través dun convenio coa Comunidade de Monte Veciñal en Man Común ‘Cornao e San Roque’, da parroquia de Ribasaltas, os termos do uso que a administración local “ven facendo e fará no futuro dos depósitos de auga do Cornao e que abastecen Monforte”.

A deputada autonómica e voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, explica que os depósitos do Cornao, que serven de almacenamento da auga do abastecemento de Monforte, “atópanse, xunto coas conducións e canalizacións soterradas que lle dan servizo e os camiños de acceso, en terreos do Monte Veciñal en Man Común ‘Cornao e San Roque da parroquia de Ribasaltas”. Neste senso, a popular precisa que “non existe constancia de que o Concello formalizase cesión do uso ou dereito de superficie que ampare a situación xurídicas destes depósitos”.

Ante esta situación, Julia Rodríguez lamenta que os veciños, membros da asociación de montes, teñan que soportar o incremento de valor do monte –veñen de recibir actualización dos valores catastrais como consecuencia destas construcións existentes no monte-; ademais de que non obteñen ningún rendemento forestal dos terreos ocupados polos depósitos, as súas conducións e camiños de servizo. Feito, polo que, segundo precisa a voceira popular, “é necesario regularizar esta situación e evitar agravios aos veciños”.

Conducións dos depósitos en mal estado

Julia Rodríguez lembra que o Grupo Popular en varias ocasións “temos advertido e comprobado que as conducións que saen dos depósitos están en moi mal estado e rompen con frecuencia”. A este respecto, a voceira precisa que a empresa concesionaria limítase a parchear sen renovar ou substituír as conducións en mal estado “tal e como é a súa obriga”.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do PP critica tamén que o equipo de Goberno non fose quen “nestes catro anos de esixirlle a Aqualia un axeitado mantemento do depósito, que se atopa nun importante estado de deterioro.

De igual xeito, Julia Rodríguez amósase moi crítica coa “total ausencia de medidas de seguridade no entorno dos depósitos. Calquera pode ter acceso a eles e, polo tanto, á auga que almacenan, co risco que isto representa”, asegura.

Dado estas circunstancias, os populares na súa moción tamén instan ao equipo de Goberno a que se dirixa a Aqualia para que a concesionaria leve a cabo un axeitado mantemento e conservación dos depósitos do Cornao; mellore a seguridade das instalacións dos depósitos e renove e substitúa as conducións deterioradas e avariadas, sobre todo as que a saída dos depósitos “rompen de maneira reiterada”.

Polo tanto, os populares precisan que se está ante un servizo de primeira necesidade e básico ao que “o alcalde non lle pode dar as costas da maneira que o está a facer dende fai catro anos. Debe evitar que a localización destes depósitos prexudique aos veciños, ademais de responsabilizarse para que o servizo estea dotado dunhas instalacións que conten coas garantías necesarias”.

Novas

Redes Sociais