Novas

Venres, 18 de outubro de 2013

A popular insiste en que o PP votou en contra da medida e asegura que foi no Pleno de xuño cando se decidiu, do mesmo xeito que os socialistas modificaron nesa mesma sesión as taxas propostas para os taxistas

Julia Rodríguez lamenta que o portavoz do PSOE se poña ao lado do alcalde para manter unha taxa do cemiterio que perxudica a todos os monfortinos

A portavoz critica que o Señor Tomé sirva novamente de cortina de fume do alcalde e invítao a reconsiderar a súa postura e votar a favor da moción dos populares que revogaría o imposto á contía anterior

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, lamenta que o portavoz do PSOE se poña novamente ao lado do alcalde e non dos cidadáns de Monforte para manter unha taxa do cemiterio "que nos perxudica a todos" e que os veciños consideran "desproporcionada".

A popular non entende o empeño do portavoz socialista en culpar ao PP cando foi o único partido que se opuxo ao incremento do prezo dos servizos de atención no cemiterio, como así puxo de manifesto no Pleno de xuño no que se aprobou a modificación das taxas. Julia Rodríguez insiste no voto en contra do PP e recórdalle ao Señor Tomé que foi nese mesmo Pleno cando se modificou tamén a proposta do Goberno local en relación cos taxistas, a petición do PSOE.

"Non entendemos que diga que as taxas foron aprobadas co plan de axuste cando el mesmo modificou unha delas, co apoio do PP, no mesmo Pleno no que nós votamos en contra das novas tarifas do cemiterio", explica a popular.

Os populares descoñecen a existencia e o contido do informe ao que alude o PSOE, polo que pedirán unha copia no Concello, aínda que sosteñen, como así acreditan as actas, o voto en contra á subida das taxas do cemiterio.

Cortina de fume do alcalde

Julia Rodríguez considera que os socialistas "non só non asumen a responsabilidade do que votaron, senón que novamente serven de cortina de fume do alcalde ante unha medida que o único que conseguiu foi castigar aos monfortinos". "Sería máis responsable manifestarse en contra do equipo de Goberno por propoñer unha subida perxudicial para todos e non arremeter contra o PP que actúa en defensa os intereses dos cidadáns", engade.

Desde o Grupo Municipal do PP de Monforte animan aos socialistas a que mostren a mesma determinación á hora de defender ao alcalde que para corrixir o seu voto en relación ao cemiterio e que apoien a moción dos populares que revogaría a taxa imposta polo Goberno local que sobe un 300% o prezo de cada oco e un 5% todos os demais servizos do cemiterio.

Oficina de rehabilitación

En relación coa Oficina de Rehabilitación os populares recórdanlle ao portavoz do PSOE que conseguiron rebaixar unha desviación deste servizo en 100.000 euros, polo que non entenden as críticas derivadas dunha medida "exemplar". "Se o portavoz fai unha acusación diferente en contra do colectivo de arquitectos e aparelladores da cidade que o poña de manifesto", replican os populares.

Novas

Redes Sociais