Novas

Luns, 21 de outubro de 2013

A portavoz do PP destaca as contías que o Goberno galego destina ao corredor Monforte-Sarria, así como a partida para o acceso do porto seco coa N-120

Julia Rodríguez subliña o esforzo dos Orzamentos da Xunta para avanzar no reequilibrio territorial e o desenvolvemento empresarial de Monforte e a súa comarca

O Grupo Municipal do PP agradece o compromiso do Executivo autonómico coa zona sur a través dunhas contas "realistas e responsables"

O investimento total da Xunta na comarca de Lemos ascende a máis de 8,8 millóns de euros (sen contar a parte da VAP de Sarria)

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, subliña o esforzo dos Orzamentos da Xunta coa cidade do Cabe e a comarca, xa que "permitirán avanzar no reequilibrio territorial e no desenvolvemento empresarial". Así, a portavoz destaca os case oito millóns de euros que o Executivo galego destina á finalización do corredor entre Monforte e Sarria, repartidos a partes iguais entre ambas as comarcas, ou os 3,5 millóns de euros de investimento para a conexión entre o porto seco e a N-120.

"O investimento que se destina ao corredor é a segunda actuación máis destacada da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas da provincia, despois do orzamento destinado á conservación de estradas", incide a popular. Rodríguez remarca a importancia dunha obra que unirá a zona sur coa capitalidade provincial e que agora recibe o impulso definitivo para "ser unha realidade canto antes".

O Grupo Municipal do PP de Monforte agradece o compromiso do presidente da Xunta con Monforte e coa comarca de Lemos a través dunhas contas "realistas e responsables" que permitirán avanzar na senda do crecemento.

O investimento total da Xunta na comarca de Lemos ascende a máis de 8,8 millóns de euros, (sen contar os 3,9 da VAP asignados á Comarca de Sarria), con partidas asignadas a diferentes departamentos do Goberno galego, entre eles, a Consellería de Medio Rural, o Instituto Galego de Vivenda e Solo ou Augas de Galicia.

Novas

Redes Sociais